Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CONCURSOS, BLOGS E CURSIÑOS

Os centros de Dinamización da Sociedade da Información celebran o 17 de maio

As aulas de Boborás, Castrelo de Miño, Caldelas, Poio e Sada programan actividades de promoción do galego nas novas tecnoloxías.

Redacción - 12:15 12/05/2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten previstas diversas actividades para conmemorar o Día das Letras, da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información o vindeiro 17 de maio. Algúns dos centros xa comezaron a súa programación e outros farano nos vindeiros días, nunha celebración que durará practicamente todo o mes.

Así, en Boborás poñerase en marcha As Letr@s Galeg@s na Rede, unha iniciativa que aspira a fomentar o uso da nosa lingua no ámbito das Novas Tecnoloxías, coñecerr algo máis sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro e fomentar a participación da poboación. O programa desenvólvese do 4 ao 29 de maio.

No centro de Castrelo de Miño abriuse un blog que, ademais de fomentar o uso da lingua na rede e de fomentar a participación cidadá, pretende recompilar palabras e ditos xa esquecidos. A bitácora abriuse o 8 de maio e seguirá a recoller contidos até o 31 de maio, cando se elixirá a palabra ou dito máis orixinal.

En Caldelas ideouse a iniciativa Adiviña Cal-del@s!!, un concurso coa participación de cinco asociacións da comarca por grupos de seis a sete persoas. Nunha primeira parte, cada grupo coñecerá o funcionamento dos buscadores de internet e da mensaxaría instantánea, para despois conectárense, no segundo día, co Centro Comarcal Terra de Caldelas e adiviñar determinados aspectos de Galiza mediante preguntas que só se poidan responder cun si ou cun non. O grupo que acerte en menos tempo gañará un lote de artigos da Rede de Dinamización. Será do 12 ao 29 de maio.

A proposta do Centro de Dinamización de Poio chámase Enréd@-t muller. Trátase dun obradoiro dirixido a mulleres en risco de desvantaxe social por careceren de coñecementos informáticos. Ás asistentes entregaráselles a guía Que pode facer internet por min e como. Cada día do obradoiro traballarase un tema diferente das fichas que se inclúen na guía. O obxectivo é acadar a igualdade de xénero na Sociedade da Información.

En Sada púxose en marcha 2.0 en internet, unha iniciativa que pretende crear, compartir e xerar contido na rede. Cada persoa usuaria do centro de dinamización colaborará cunha achega persoal relacionada coas Letras Galegas. As colaboracións subiranse ao blog da aula de Sada. Tamén se desenvolverán obradoiros para fomentar a participación.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: