Pediulle ao goberno municipal "que recapacite, non desinforme e non cree máis problemas", sobre o rexeitamento á delegación do Goberno na cidade olívica.
O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, demandoulle ao goberno municipal de Pontevedra "que recapacite, non desinforme, non desenfoque e non cree máis problemas dos que temos", ante o rexeitamento do BNG e do PSdeG local á delegación da Xunta en Vigo.
"Lamentablemente, o principal problema dos pontevedreses e dos galegos é a situación económica", explicou Núñez Feijoo, polo que "non convén establecer cortinas de fume sobre problemas que non existen", acrecentou, tras reunirse con representantes de colectivos sociais e económicos da cidade na sede local do PPdeG.
A área metropolitana
O presidente da Xunta apelou tamén a BNG e a PSdeG para que "manteñan o mesmo discurso" en Pontevedra e no resto da provincia" e cualificou de "sorprendente que a 18 quilómetros, os mesmos políticos digan o contrario do que están a dicir en Pontevedra". "A coherencia en política é obrigada", sinalou. Nesta liña, o presidente galego continuou, sinalando que "nada se fixo nin se fará para diminuír os servizos da Xunta en Pontevedra", ao tempo que xustificaba a redución de altos cargos e insistía en "deixar claro que Pontevedra vai ter os mesmos servizos, as mesmas unidades e as mesmas competencias" que había con anterioridade á nova estrutura da administración periférica.
Por outra banda, Feijoo tamén reiterou que o PPdeG vai propoñer no Parlamento galego a creación da área metropolitana a partir dos 14 concellos establecidos como "punto de partida e consenso". O presidente da Xunta mostrouse partidario de "non improvisar" neste asunto e, aínda que admitiu que "despois poderíase ampliar", apostou por crear a área "primeiro cos 14".