O filial do Celta acabou quinto e foi o mellor clasificado despois de que Rácing de Ferrol e Pontevedra perderan forzas nas últimas xornadas.
Dúas derrotas nas últimas xornadas afastaron o Rácing de Ferrol da cuarta posición que ocupaba despois da xornada 36 e, polo tanto, da loita polo ascenso á Segunda División. Así, pechase un ano mediocre para os galegos da 2ª b, co descenso do Deportivo B e o Ciudad de Santiago (13º clasificado) como único triunfador ao conseguir comodamente manterse na categoría o ano da súa estrea.
O mellor clasificado tamén pode perder a categoría
Paradoxalmente o equipo mellor clasificado aínda non ten garantida a súa permanencia na división: o Celta B, que rematou o ano en quinto lugar, a só tres puntos do ascenso. Isto é así porque a pésima tempada do Celta na Segunda División teno a cinco puntos do descenso con seis xornadas por xogar entre elas dou partidos contra dous rivais directos (Murcia e Alavés) e tres contra equipos clasificados actualmente entre os catro primeiros (Xerez, Hércules e Zaragoza).
Os estatutos da federación estatal establecen que se un equipo baixa de categoría e pasa a coincidir co seu filial isto supón que o segundo equipo tamén experimenta o mesmo camiño: descende unha división. De producirse, esta pésima noticia non afectaría ao número de equipos galegos en 2ª b, mais si deixaría o noso fútbol sen representación na Segunda División.
Agora Rácing de Ferrol (7º), Lugo (8º), Pontevedra (12º) e Ciudad de Santiago (13º) agardan para ver que equipos os acompañan na 2ª b o ano próximo. Para sabelo terán que esperar ao que aconteza co Celta e tamén con Compostela, Montañeros, Ourense e Cerceda, que loitarán polo ascenso despois de ocupar as catro primeiras posicións na Terceira galega.