Coa vitoria por un gol a cero fronte ao Nacional da Madeira proclámanse campións do torneo cando aínda faltan por xogar dúas xornadas.
Bruno Alves, autor do gol no último partido
Cando aínda faltaban dúas xornadas para rematar a liga portuguesa, o F.C. Porto proclamouse matematicamente campión grazas á súa vitoria por un gol a cero fronte ao Nacional da Madeira. O defensa central Bruno Alves foi o heroe da noite no estadio do Dragão ao marcar cun remate de cabeza o gol da vitoria. O equipo que dirixe Jesualdo Ferreira gaña o seu cuarto título consecutivo, o terceiro baixo o mandato do adestrador de Mirandela.
Con este título o F.C. Porto suma 23 ligas portuguesas, colocándose cinco títulos por enriba do Sporting de Lisboa (18) e outros tantos por debaixo do Benfica (28). O campionato desta tempada 2008/2009 non foi tan cómodo para os portistas como os de algúns anos anteriores, e non chegaron ao liderado até a última xornada da primeira volta. Se cadra o motivo foi o período de aclimatación vivido por fichaxes que rematarían tendo un papel importante no equipo como Hulk, Cristian Rodríguez ou Cissokho.
Na segunda posición, como os últimos catro anos, ficou o Sporting de Lisboa adestrado por Paulo Bento e liderado no campo por Jõao Moutinho. A gran decepción foi o Benfica adestrado polo español Quique Sánchez Flores que confeccionou un equipo destinado a loitar pola liga e, con dúas xornadas por diante, opta só a consolidar a terceira posición que ocupa actualmente. Por abaixo, Beleneses, Trofense, Vitoria de Setúbal, Río Ave e Naval loitan por manterse na categoría.