"Todo o prometido polo PP era retórica electoralista", denuncian os socialistas ao fío da confirmación do proceso que envolve o delegado da Xunta Ourense.
"Son xa moitos os casos nos que se vai descubrindo a presunta vulneración das normas e a comisión de graves irregularidades por parte dalgúns altos cargos da recentemente estreada administración autonómica", laiábase este mércores o deputado socialista ourensán Pablo López Vidal. Referíase Vidal á iniciativa da Audiencia Provincial de Ourense de instar o Xulgado de Ribadavia a reabrir unha investigación relacionada co actual delegado territorial da Xunta en Ourense.
Martínez é investigado por presunto delito de malversación, estafa e falsidade en documento público a raíz dunha denuncia do grupo do BNG en Arnoia, localidade onde foi alcalde durante trinta anos até a súa designación recente como delegado da Xunta para a provincia de Ourense. Os nacionalistas acusan o ex rexedor de ter certificado subvencións de fondos europeos para a construción de instalacións que xa existían desde o seu posto de presidente do grupo Ceivam de acción local. Este mércores, e logo de estudar o escrito da Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense onde se subliña a existencia de "indicios fehacientes delitivos" o Consello Comarcal do BNG do Ribeiro acordou presentarse como acusación no proceso xudicial aberto.
Sobre o mesmo asunto, o PSdeG presentou este mércores unha serie de iniciativas parlamentarias nas que reclama a comparecencia na Cámara do delegado territorial. Na opinión de López Vidal o acontecido é exemplo do "xeito laxo e simple de entender a ética e a moral na xestión de fondos públicos" por parte do Goberno do PP. "O PP está sacando a careta e amosando a súa auténtica faciana na xestión pública, e que todo o prometido era retórica electoralista, porque unha cousa é predicar e outra dar trigo", analiza o deputado ourensán. No caso de que Martínez resulte procesado, os socialistas demandaranlle á dirección do PP "responsabilidades públicas".