Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FANNY&ALEXANDER

"Tentar chegar á xente non significa tentar gustar tamén ás amigas da túa avoa"

Publicaron esta semana 'Alfaias', no que volven poñer música a poetas galegos novos, como Daniel Salgado, Igor Lugrís ou Emma Couceiro.

Marcos S. Pérez - 11:00 16/05/2009

Volvérono facer. Outravolta colleron unha ducia de poemas de autores galegos contemporáneos, moi novos todos eles, para vestilos coas ropaxes do pop. E aí vemos convertido en retrouso o O río que todo arrastra/ din 'que violento'/ ninguén di 'violentas' as marxes que o comprimen de Xiana Arias ou o Teño setecentos debuxos rabuñados na bandeira da miña pel/ teño setecentas fillas da vosa raiba/ levo setecentos anos enredado/ nos vosos brazos de Mario Regueira. Esta caixa de Alfaias, que se pode descargar na Regueifa Plataforma, preséntase máis homoxénea que o primeiro LP de Fanny&Alexander, aquel Finais dos 70, comezos dos 80 con sorprendentes hits como Ameite tanto, María Silenzo ou Danzarei coma ti, pero que quizais sufría dun exceso na mestura de estilos. Non sobra nada nestas Alfaias, non hai pausa.

Din que o pop é música alegre que soa triste. Algo diso hai neste álbum, pode ter que ver tamén coa orixe dos poetas, nacidos todos eles dacabalo das décadas dos setenta e dos oitenta, ao igual que Noel Feáns e Efi Arias, o dúo que se agocha detrás de Fanny e de Alexander. Os poetas novos prescinden da solemnidade das xeracións que os precederon, o que fai o seu verso libre máis acaído para soar nos altofalantes dunha canción. Pódeselles preguntar a Noel e Efi cales son os seus poetas favoritos, moitos dos que escolleron, pero de igual xeito podémoslles preguntar a todos estes escritores, que aínda se deixan ver polos bares, que música escoitan e de que maneira inflúe na súa maneira de escribir.

Nos anos setenta Voces Ceibes puxéronlles música a un bo número de poetas galegos: "se hoxe en día a xente sabe de memoria versos de Celso Emilio, Curros, Manuel María ou Rosalía é grazas a esta promiscuidade entre música e poesía que se deu nos setenta", dicía Noel Feáns cando presentou o seu anterior traballo. Despois chegaron os oitenta e de novo a promiscuidade: poesía, música e vídeo, ao son dos Resentidos, Rompente e a movida. Agora Fanny&Alexander converten en canción unha nova xeración poética. Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras (non é poeta, pero F&A musicaron un capítulo da súa última novela), Lara Dopazo, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán. Eis a banda que hai detrás de Fanny&Alexander.

A febre dos incendios

Autopoética in progress

Toda esa enerxía escura

Que cambia neste disco con respecto ao anterior? En que vos influíu o feedback que recibistes da xente que escoitou 'Finais dos 70...'?
Houbo un pequeno pero definitivo salto en accesibilidade, a nosa música agora creo que pode chegar a máis xente. O primeiro disco, Lusco e Fusco, era un disco difícil, con grande vocación experimental e militancia de ser "raros" cantando en galego. Co segundo non perdemos ese espírito vangardista e curioso que precisaba a lingua pero xa comezamos a darlle unha forma máis amábel ás cancións, e neste creo que por fin atopamos ese punto de encontro ideal entre a querencia polo risco nas formas e a universalidade na mensaxe e o resultado sonoro final. Tendo en conta que o que perseguimos é tentar que a música galega cantada en galego soe verdadeiramente moderna era o camiño máis lóxico e rendíbel. E tamén o máis complicado, porque facer música non comercial que poda escoitar tanto alguén de 20 coma de 40 non é nada sinxelo.

Que cambiou na música galega nestes dous últimos anos? Cales son os próximos retos?
Cambiou moito a mentalidade da xente. Antes había unha barreira invisíbel entre as bandas galegófonas e o resto. Os estilos tan característicos e a politización das letras non axudaban en nada a que se crease unha escena galega non fraccionada, imprescindíbel para a normalización da lingua. Nestes últimos anos ese muro veuse abaixo e agora vemos continuas sinerxias entre as bandas, independentemente da lingua na que canten, e iso é o que dá o necesario punto de normalidade. Incluso vemos bandas urbanitas e non galegófonas metendo temas en galego nos seus discos, o que demostra que se perdeu o medo a deixar de soar moderno por cantar tamén en galego. Evidentemente isto non tería sentido se non existisen as ducias de bandas de todos os estilos que empregan o galego en todo ou na maior parte do seu repertorio, pero chegados a ese punto aínda quedaba tirar abaixo eses prexuízos e sacar o galego dos ghettos do punk, ska e folk e espallalo ao resto de estilos contemporáneos de maneira que calquera, independentemente do estilo que lle tirase máis, puidese escoitalo tamén na lingua propia. Ese era o obxectivo e niso andamos, enchendo ocos.

Máis posibilidades para gravar, para ensaiar, para tocar... Falta dar o último paso: a distribución, chegar ao público, soar nas discotecas e pubs?
O tema é que o concepto de "ter éxito" mudou bastante nos últimos anos e en moitos casos dubido que sexa unha meta desexábel, xa que implica demasiadas renuncias. Hai unha sobreoferta de música de calidade, cada vez máis especializada, polo que chegar a ter éxito global é case utópico se non queres ter nada que ver co mainstream. Agora o éxito son as pequenas conquistas, asentándose coma referente na escena ou no ambiente onde está o teu público potencial. Baixo o meu punto de vista para unha banda coma a nosa actuar en Luar ou ser entrevistados nun xornal gratuíto dos que reparten pola rúa non ten moito sentido e a maioría das veces é contraproducente ao quitarche de facto o carimbo de 'cultura alternativa'. Tentar chegar á xente non significa tentar gustar ás amigas da túa avoa porque evidentemente non é o teu público potencial. Por suposto que a industria musical galega ten que ser capaz de producir artistas mainstream que vendan politóns a mans cheas e enchan polideportivos pero dende logo que non é o noso obxectivo.

Estás con Xurxo Souto en que o 2009 é o 'ano do trebón' da música galega? Algún novo descubrimento ao que emprestar atención nos vindeiros meses?
O certo é que dende 2006 a escena galega non dá tregua, abrollando novos grupos e propostas continuamente e asentándose cada vez máis os xa existentes. Non se trata tanto de chegar canto antes ao cumio desa progresión coma de manter o nivel a a frecuencia actual, con abundancia de música ao vivo e a saída de novos discos e bandas de xeito regular, coma en calquera país normalizado. Sobre novidades para estes meses, a verdade é que morremos por escoitar os novos traballos dos nosos compañeiros de selo, Noise Project, Ataque Escampe e Projecto Mourente.

Banin, de Los Planetas, colabora no disco. Como foi que o coñecestes? Foi difícil que aceptase?
Sempre andamos mercando e vendendo instrumentos e aparatos vintage no mercado de segunda man e resultou que un sintetizador que mercamos -un Korg MS-20 de 1978- era o del, usado en todos os discos de Los Planetas dende que Banin chegou á banda. O home foi tan xeneroso que non só nos vendeu un anaco de Historia do indie estatal senón que ao saber que eramos seareiros da banda encantado gravou a liña de hammond de Tardes de Domingo. E nada de usar un sampler, co seu hammond con leslie dos anos 60 que é aínda máis traballoso de gravar ao precisar de gravación multipista con tres micrófonos. Xa demostrara ser moi boa xente ao non mencionar nada de Los Planetas no anuncio de segunda man -podendo ter sacado moitos máis cartos- pero co da colaboración para nós xa subiu aos altares.

Que sentistes ao ver ese gráfico que apareceu en Público, no que vos situaban entre o mellor do indie do Estado?

Abraio puro e duro. Xa non tanto por saír no gráfico senón polo ben situados e acompañados que estabamos a nivel de intencións musicais, a medio camiño entre Fran Nixon, Family e Nacho Vegas. E claro, o de saír a carón de Joe Crepúsculo foi un especial motivo de orgullo xa que un é dos nosos heroes recentes.

Que estades escoitando vós ultimamente?
Somos bastante enfermos, escoitamos moitísima música, tanto en cantidade coma en variedade, pero segundo o scrobbling do meu Last.fm o último que ten soado no meu ipod son os últimos discos de Au Revoir Simone, Connor Oberst, Herman Dune, Devendra Banhart, Depeche Mode, Joe Crepúsculo, Xurxo Romaní, Francisco Nixon, Tunng e Vale Tudo. Todos eles bastante representativos de porque Fanny + Alexander soa coma soa.

Pode facerse todo na casa? De verdade? Todo?
Depende do estilo que queiras facer pero en xeral si que é viábel ao 100%. Gravar baterías na casa é o máis complicado, a menos que uses -coma nós- unha batería electrónica ou programes os ritmos. Pero o resto de instrumentos si que se poden gravar con calidade na casa, dende as voces até guitarras acústicas. E as eléctricas, que historicamente sempre eran complicadas de gravar por temas de ruído e volume xa non son un problema coa boísima emulación actual de amplificadores. E en canto á mestura e masterización, exactamente igual, podes conseguir resultados moi semellantes aos dos carísimos equipos de estudio cun computador e algo de práctica. Hoxendía hai moitísimos discos gravados en home studios que soan bastante mellores que outros gravados en estudios de moitos euros a hora.

A través de F&A, a música galega entra no pop, na música popular contemporánea. En que medida cres que, á inversa, o pop, a música, inflúe na poesía que fan os autores novos?
Moitos dos autores cos que colaboramos fan continuas referencias musicais na súa produción literaria así que é evidente que lles inflúe, pero habería preguntarlles un a un para saber realmente en que medida e, sobre todo, se só son filtracións temáticas ou se tamén inflúe no propio proceso creativo. Imaxino que si, un creador por moi impermeábel que pretenda ser sempre está influenciado pola que o rodea e emociona.

Que teñen en común os poetas que escollestes, eles como grupo, e os seus poemas ?
Principalmente o seren da nosa mesma xeración. No anterior disco xa tentamos estreitar ese denominador común e neste novo disco escollemos primeiro ás persoas e logo os poemas. Evidentemente coñeciamos a súa obra de antemán e estabamos certos de que o seu ton e temáticas serían os axeitados, pero para nós o principal era ser coxeneracionais e, na maioría dos casos, do noso entorno. De feito hai tres poemas -os de Estibaliz Espinosa, Mario Regueira e Xiana Arias- que foron escritos ex professo coma letra dunha canción nosa.

Hai algún texto co que non désedes feito? Algún texto que non puido ser convertido en canción?
Si, de feito sempre deixamos moitas cancións sen finalizar na recámara por ese motivo. O noso modus operandi é facer cancións continuamente -ao fin e ao cabo non é máis que un hobby- e cada vez que xorde unha idea, gravala. Moitas veces a idea non avanza e fica no disco duro durante meses até que a retomamos e rematamos. Ou igual nunca a chegamos a rematar.

E mesmo gañastes un Mestre Mateo. Como foi esa colaboración en Nemo?
Coñecía a Miguel Mariño de cando eu facía machucos no Extrarradio da Radio Galega baixo o alcume de Vincent Jalo e cando andaba artellando NEMO pensou en nós para facer parte da BSO. Unha música laboriosa, xa que en total eran dez pezas diferentes, demasiado traballo compositivo para unha soa curta, así que repartimos o traballo e fixemos a música de cinco, a metade. O proceso foi moi semellante a facer un videoclip xa que fixemos a música antes, a cegas, simplemente vendo o cadro e algunhas fotos da rodaxe pero antes de que houbese nin premontaxe. Foi un proceso curioso pero que sorprendentemente funcionou moi ben.

Como marcha A Regueifa Plataforma? Tes datos recentes de descargas e visitas? Cales son os próximos proxectos e lanzamentos?
A verdade é que vai mellor ca nunca, cun asentamento total tanto entre os creadores e bandas coma no público. Nestes cinco primeiros meses de 2009 saíron tantas referencias coma en todo 2008 e hai moito material en espera para saír, parece que a xente xa entendeu que o importante é que o público teña acceso á túa obra, non sacar unha miseria de cartos da súa venda a costa de limitar a súa difusión. Estamos nun punto ademais no que hai un público moi estábel, de consumidores de cultura galega sen prexuízos que se baixan absolutamente todo o que sae. Esa era a idea, que se convertese nun punto de referencia ao que a xente puidese acudir para ter acceso ao último dos creadores e bandas galegas. Por iso agora ter máis de 1000 descargas no primeiro mes xa é o mínimo, sexas coñecido ou non, porque unhas obras tiran das outras.


Ligazóns

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: