Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A muller no traballo

O goberno español intensificará a vixilancia ás empresas que non cumpran o principio de igualdade

A Comisión de Igualdade do Congreso aprobou unha iniciativa do BNG para avanzar na loita contra a discriminación salarial no traballo.

Redacción - 19:30 06/05/2009
A deputada do BNG no Congreso español, Olaia Fernández Davila

A deputada do BNG no Congreso español, Olaia Fernández Davila

A Comisión de Igualdade do Congreso aprobou esta cuarta feira, a iniciativa do BNG, un acordo unánime cunha serie de medidas para avanzar na eliminación da discriminación salarial no traballo. Primeiramente, a mencionada Comisión debateu unha proposición non de lei da deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, quen chegara a un acordo previo cos grupos popular e socialista.

Entre os puntos do acordo, ínstase ao goberno español a intensificar a vixilancia e a aplicación do réxime de sancións económicas establecido na Lei de Infraccións e Sancións 5/2000, a aquelas empresas que non cumpran o principio de igualdade, xunto co control das denegacións de subvencións ou axudas, e a perda de bonificacións para as compañías que cometesen infraccións relacionadas coa discriminación salarial das mulleres. Nesta liña, tamén se lle solicita ao executivo español que se priorice, dentro do diálogo social e da negociación colectiva, a aplicación deste principio e do trato non discriminatorio no traballo. Tamén se demanda a potenciación das Inspeccións de Traballo e da Seguridade Social en canto ao control da discriminación por sexo.

As mulleres seguen a gañar un 30% menos que os homes
Segundo dados do INI (Instituto Nacional de Industria) e outros estudos, "a ganancia media por hora traballada continúa a ser un 30% menos que a dos homes". A eles se referiu Olaia Fernández Davila na súa intervención, na que tamén aludiu a sentenzas de distintas Maxistraturas de Traballo, como a da empresa Cordelerías Mar en Vigo, que recoñecen a existencia de discriminación por razón de xénero nas categorías profesionais "xa que mantiñan a diferenciación por sexo e nesa distinción xustificaban a diferenza salarial".

Mais a deputada nacionalista subliñou que, "a pesar da abundante xurisprudencia existente, e a pesar de que a través da negociación colectiva se deron pasos importantes na materia, segue a existir a discriminación laboral por razón de xénero, e as mulleres continúan a padecela, e sobre todo a nivel salarial". Neste sentido, lembrou que conseguir a igualdade laboral "segue a ser a grande asignatura pendente, que non se poderá resolver se non se fai fronte aos problemas".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: