En materia de política lingüística, o líder dos socialistas vascos sinalou que vai derrogar algúns artigos do Curriculum que estabelecen o éuscaro como lingua vehicular no ensino.
Durante a súa intervención no Parlamento Vasco, o candidato a lehendakari polo PSE, Patxi López tamén avanzou un bocado como vai desenvolver, durante os vindeiros catros anos, se é elixido, a política lingüística en Euskadi.
Segundo dixo, o seu executivo vai traballar para "derrogar, de inmediato" diversos artigos do Curriculum vasco que estabelecen o éuscaro como lingua vehicular no ensino. Nesta liña, explicou que o seu goberno vai impulsar o que chamou un "bilingüismo integrador", para o que vai fomentar "o emprego vehicular das dúas linguas oficiais, contando sempre co criterio das familias e dos profesionais docentes".
Un discurso bilingüe
Por outro lado, López comprometeuse "explicitamente" a non reducir a dotación económica destinada ás actividades realizadas en éuscaro, "sen menoscabar a cultura vasca que se exprese en castelán, porque o compromiso coa cultura vasca é con toda ela, exprésese no idioma no que se exprese". En canto aos medios de comunicación públicos vascos (EiTB), Patxi López anunciou unha profunda reforma, "co fin de converter o ente "nun servizo público, plural e de calidade"
Cómpre salientar que o candidato socialista a lehendakari leu o seu discurso uns momentos en castelán e outros en éuscaro.