Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENERXÍA

Galiza exporta o 31% da electricidade que produce, mais non recibe beneficios a cambio

O BNG pide ao goberno que inste as empresas xeradoras de enerxía a que trasladen o seu domicilio fiscal para pagar aquí os seus impostos.

Isabel G. Couso - 18:30 04/05/2009

Cambiar o domicilio fiscal das grandes empresas de enerxía que operan en Galiza. Este sería o único trámite necesario para que unha nada desdeñábel cantidade económica quedase no país. Malia que aínda non existe unha estimación sobre a canto podería ascender esta cifra, o certo é que os exemplos do noso arredor falan de sumas millonarias. O último e ao que apela o BNG sucedeu en Estremadura. A pasada semana, o seu conselleiro de Industria, Enerxía e Medio Ambiente anunciou que a Central Nuclear de Almaraz xa trasladou o seu domicilio social á comunidade, o que fará que as arcas estremeñas aumenten a súa recadación tributaria en 200 millóns de euros.

O portavoz parlamentar do BNG en materia de Industria, Henrique Vieitez, explica que Galiza segue a ser unha comunidade exportadora de electricidade, xa que o 31% da enerxía que produce ten como destino o exterior. El foi o encargado de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno pedindo ao Partido Popular que tome medidas similares ás adoptadas polo goberno estremeño: "o vento, a auga e o carbón son recursos dos que se aproveitan as empresas, que non teñen ningunha contrapartida no propio territorio", explica, "preto da metade da enerxía xerada no noso país (46%) procede das centrais térmicas e un 23% das centrais hidráulicas; mentres, as centrais que se acollen ao réxime tributario especial produciron o restante 30%".

"Non debemos esquecer que estas empresas que producen enerxía en Galiza non están só a explotar os recursos galegos senón que, ademais, causan graves afeccións sobre o noso medio ambiente", insiste Vieitez. "O único que pedimos", explica, "é que as empresas muden o seu domicilio social, o que ás propias compañías non lles repercute en nada, terían que pagar exactamente os mesmos tributos, só que estes se recadarían en Galiza".

Por que non vai valer para Galiza o que vale para Estremadura?
Con respecto aos mecanismos que debería empregar o goberno galego para convencer aos dirixentes empresariais para trasladaren o seu domicilio social, Vieitez subliña que é unha cuestión de "xestión política", que é o que lle pide ao novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. "Nestes tempos de crise e cunha preocupación como di que ten con respecto ao financiamento autonómico, cremos que esta medida podería incidir moi positivamente na economía do país"

Con todo, para o BNG esta é unha cuestión unicamente de diálogo político e de convencemento e non contempla outro tipo de medidas: "que quede claro que non estamos a pedir desgravacións fiscais", insiste Vieitez. No referente ás motivacións que levarían a estas empresas a aceptar o suposto convite da Xunta de Galiza a mudar o seu domicilio fiscal, Vieitez fala de compromiso social e descarta outras contrapartidas: "unha empresa debe comprometerse co seu entorno e demostrar a súa responsabilidade social corporativa, xa que teñen a súa actividade aquí, o normal é que respondan a esa demanda".

Finalmente, o parlamentario nacionalista recorda que no caso estremeño de Almaraz os tres accionistas que chegaron a un acordo co goberno autonómico foron Endesa, Iberdrola e Unión Fenosa, casualmente as mesmas compañías que ostentan a meirande parte dos centros de produción enerxéticos galegos. "Se non hai impedimentos de ningún tipo para facelo en Estremadura, por que non se toman iniciativas semellantes en Galiza?", pregunta.


4,73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: