Ana Miranda agarda a participación activa de "referentes nacionalistas" como Beiras, Nogueira ou Quintana, na campaña dos comicios europeos.
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda (37 anos, Cuntis), reclamou que os "referentes" do nacionalismo, como "Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira ou Anxo Quintana", participen e "apoien" a campaña electoral para as europeas do 7 de xuño, na que o BNG concorrerá con ERC e Aralar --xunto con outros partidos-- na coalición Europa dos Pobos.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, Miranda fixouse no ex eurodeputado Camilo Nogueira, para o que traballou como asistenta parlamentaria, e considerou que é "ineludíbel" contar coa súa participación na campaña, porque "ten moito que dicir". Ao respecto da figura do ex eurodeputado, sobre a polémica derivada pola renuncia ao escano no Parlamento Europeo, tras a renuncia de Ignasi Guardans (CiU), Miranda recalcou que, con Nogueira, "o BNG conseguiu estar en Europa (entre 1999 e 2004)" polo que mostrou o seu "enorme respecto". Non obstante, rexeitou que "houbese un veto" da Executiva nacionalista para que accedese á súa acta na Eurocámara e apelou a que se trata un acordo do Consello Nacional.
Ana Miranda asegurou que realizará unha campaña "activa" dende o próximo día 7 de maio, e iniciará un percorrido "por todo o país" cunha conferencia na Coruña o 8 dese mes. Na carreira cara ás urnas, estará "acompañada" polo novo voceiro nacional que saia da asemblea extraordinaria do 10 de maio e traballará para "devolverlle a voz galega en Europa", afirmou.
Con "humildade" e tras asumir a "grande responsabilidade" que lle foi encomendada, a tamén responsábel da Comisión de Migración da formación frentista confiou "totalmente" en que concorrer con partidos membros da Alianza de Libre Europa (ALE) permitirá "recuperar" electorado de esquerdas que o BNG perdeu nos pasados comicios, aínda que rexeitou que a decisión fora "electoralista". "Eu chamaríaa democrática", apostilou.
"Recuperar a voz galega en Europa"
"Tivemos que pensar que nos permitiría recuperar a voz en Europa, devolver a voz a Galiza,", aseverou, tras o que incidiu en que "o BNG fai alianzas" en función dos intereses dos galegos" e defendeu que os nacionalistas galegos coinciden coas "liñas da ALE" na actual crise económica.
Así, garantiu que a coalición de Galeuscat "non está cuestionada", pero rexeitou aventurar se un éxito nas europeas con ERC podería reformular as alianzas no ámbito estatal. "A partir do 8 de xuño poden cambiar moitas cousas, pero mellor esperar a esa data para debater", recoñeceu.
O BNG ten asegurada a súa participación no Parlamento Europeo se a alianza consegue un deputado e, aínda que a aspirante do Bloque tratará de que a coalición poida conseguir dúas actas (que tamén rotarían), advertiu de que "primeiro, hai que garantir a presenza" en Bruxelas.
"Absoluta autonomía" da alianza
"Síntome moi honrada como muller, emigrante e como nai por poder representar as galegas", pero tamén ao resto de cidadáns do Estado, manifestou Miranda, a primeira fémina da diáspora que lidera unha candidatura para as europeas. "Todo o mundo coñecía a Camilo Nogueira, pero agora ninguén sabe os que son os eurodeputados galegos que están en Bruxelas con outros partidos", argumentou para facer fincapé en que "a voz dunha eurodeputada devolverá a voz de Galiza á UE".
Con estas palabras emulou o que será un dos lemas que presentará o Bloque na campaña, que levará a cabo con "absoluta autonomía" dos seus socios da coalición, cos que compartirá "unhas bases programáticas", segundo explicou a candidata ao PE.
A este respecto, a tamén membro do Consello Nacional desvelou que centrará o seu percorrido por Galiza en "explicar que Europa decide" sobre a vida cotiá dos cidadáns e que, coa presenza dun eurodeputado, "se devolve oficialmente e de forma directa" a palabra a Galiza, xa que o Estado "ás veces non defende os intereses" galegos. "Podemos bloquear uns presupostos", argüíu, e recordou que o BNG actuará "sen ataduras e sen render contas a ninguén, só a Galiza".
En canto ás súas iniciativas, Miranda aclarou que o programa, que "se está a apuntalar" nestes días, ten unha base "ecolóxica" e define "un modelo institucional" no que, para os membros da alianza, se presentan como "nación sen Estado" nunha Europa na que, ao seu xuízo, as "nacións (sen estado) deben participar con voz e voto".
Cambio de circunscrición e multilingüismo
"Representamos o 0,5% da poboación europea, pero hai estados máis pequenos como Malta que deciden", esgrimiu, e desvelou que outra das súas demandas será un "cambio da circunscrición", xa que actualmente o Estado Español é unha única demarcación electoral, algo que colisiona "coa participación con voz e voto" que defende a coalición Europa dos Pobos.
Na súa acción na Eurocámara, Miranda comprometeuse a "dar alternativas contra a crise" e a defender os sectores estratéxicos de Galiza, "como o lácteo ou o pesqueiro", e avanzou que a súa "primeira iniciativa", en canto a coalición acceda ao Parlamento -- sexa directamente ou a través dos seus socios -- , estará dirixida a "recoñecer o galego como lingua oficial da Eurocámara". "Espero que a miña primeira intervención xa a poida facer en galego", expresou .
Tamén tratará de defender a permanencia de servizos para a promoción do galego como as 'galescolas' -- sobre o funcionamento das cales o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou que analizará para determinar se é necesario reorientalas -- . Para o seu obxectivo, a candidata nacionalista xa se reunirá estes días co comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, indicou.
Con estas premisas, desexou rematar coa "procesión dos caladiños" que prevaleceu "nos deputados galegos" das formacións estatais, así como coas "presións" contra a pluralidade lingüística que exerce, neste caso, o popular "Alejo Vidal Cuadras, acusou.
Renovación do BNG
Sobre o proceso interno de renovación do Bloque recoñeceu estar "algo á marxe", posto que --afirmou-- atópase "moi centrada" na campaña e o programa para as europeas. Con todo, manifestou que alberga as expectativas de que deste proceso saia un BNG "máis unido" para afrontar os próximos retos.
Desta forma, apostou por integrar "todas as visións diferentes", pero eludiu pronunciarse sobre aspectos como compatibilizar a Portavocía Nacional coa parlamentaria, e limitouse a asegurar que debe haber "unha renovación de ideas e de persoas", que a militancia "escolla".
En todo caso, mostrouse a favor de que as mulleres cobren peso no BNG, xa que, destacou, a formación frentista fixo "esforzos" para manter listas paritarias e cremalleira (como nas pasadas galegas) ou confeccionar candidaturas de delegados cun máximo do 60% de homes.
A maiores, Ana Miranda subliñou que son "excelentes os tres candidatos" para liderar o BNG --Beiras (Encontro Irmandiño), o concelleiro pontevedrés Guillerme Vázquez (cuxa candidatura impulsa a UPG) e Carlos Aymerich (voceiro parlamentario e candidato de Máis BNG"--.