Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival do Norte

Acende o maio musical co Festival do Norte

Dobre xornada en Vilagarcía de Arousa ao compás de vinte grupos punteiros.

Redacción / Europa Press - 12:00 01/05/2009
Love of Lesbian

Love of Lesbian

Artistas internacionais como Herman Dune, The Wip ou The Rumble Strips e grupos estatais de primeira fila no panorama independente como Vetusta Morla, Russian Red ou Love of Lesbian, ou como os vigueses de Ragdog, son os principais atractivos da oitava edición do Festival do Norte, que se celebrará en Vilagarcía de Arousa venres e sábado.

En total serán 18 grupos e catro discjockeys os que subirán aos tres escenarios cos que conta o festival, que este ano adianta uns días a data tradicional de celebración. Os organizadores do evento destacaron o "esforzo" realizado, nun ano onde a nivel estatal desapareceron varios dos grandes festivais que viñan celebrándose nos últimos tempos. Destacan así, a vontade de ofrecer un cartel con interese que manteña a coherencia e a filosofía que caracterizou o evento vilagarcián e, paralelamente, conservar unha "entrada barata". O prezo do abono para os dous días, con dereito a acampada gratuíta, é de 25 euros en venda anticipada e 30 euros en taquilla. No caso de adquirir a entrada para un único día, o prezo é de 17 euros e 21 euros, respectivamente.

Antonio Caneda, organizador do festival, destacou que "hoxe en día ver unha actuación en directo de calquera dos grupos principais que forman o cartel do Festival do Norte pode supoñer un desembolso duns 15 euros". Así, destacou que en Vilagarcía, por 25 euros, os espectadores contarán con "dous días de concertos e acampada gratuíta".

Malia alcanzar este ano a súa oitava edición, os organizadores do evento ven o Festival do Norte como "un festival con firmes alicerces, pero aínda en pleno desenvolvemento". De aí que a súa aposta principal siga sendo bandas emerxentes, tanto do panorama galego, como estatal, como internacional.

Programa do venres
Este venres o Festival do Norte reúne no escenario Caixanova a dous dos grupos estatais máis gabados pola crítica especializada, como son Manos de Topo e os coruñeses Nouvelle Cuisine, e á que foi a revelación do ano na escena independente estatal, a banda de Lourdes Hernández, Russian Red. Polo escenario principal pasarán, na primeira xornada do festival, tres grupos internacionais: o dúo parisiense de neofolk Herman Dune, os británicos The Wip e os portugueses X-Wife. Nese mesmo escenario actuarán ese día os vigueses Ragdog, Templeton e Love of Lesbian.

A primeira xornada do festival finalizará coa sesións no 'escenario FDN Dance Club' de Florent, o guitarrista de Los Planetas, e Isra Dj, residente da sala Karma de Pontevedra.

Axenda para o sábado
O segundo día do festival mantén a mesma estrutura que a da xornada inaugural, tres grupos na carpa Caixanova, seis no escenario principal e dous no FDN Dance Club. Abrirán as xornada os pontevedreses Noise Project, aos que sucederán Extraperlo e unha das bandas independentes con maior número de admiradores, La Buena Vida.

Xa no escenario principal será a quenda de Havalina, Cuchillo, Standstill e Delorean, para pechar cos grandes triunfadores dos premios da música de 2009, os madrileños Vetusta Morla, xunto cos británicos The Rumble Strips. A carpa dance contará co atractivo de escoitar o monologuista Rober Bodegas en funcións de discjockey, ademais de ao residente da sala viguesa El monstruo de un solo ojo, Onurb Blows.


3/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: