A Eurocámara crea os seus propios perfís en Facebook, MySpace ou Flickr para espertar o interese dos máis novos polos comicios de xuño.
O Parlamento Europeo creou os seus propios perfís nas principais redes sociais da internet co fin de espertar o interese dos máis novos polas eleccións lexislativas que se desenvolverán na UE na primeira semana de xuño (en Galiza, o domingo día 7).
Coa súa entrada en Facebook, que ten arredor de 175 millóns de usuarios; en MySpace, con 250 millóns; e en Flickr, a Eurocámara pretende elevar a taxa de participación. A principal mensaxe céntrase en facer ver o impacto que a política europea ten no día a día dos 500 millóns de cidadáns da UE.
Ademais, está prevista a apertura dunha subcanle no EU Tube (en YouTube) con historias directamente relacionadas coa campaña e o proceso electoral. E dentro da web específica creada para os comicios, Elections 2009, incluiranse aplicacións como a "Máquina do Tempo", centrada no 30º aniversario da primeira votación.