Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión BNG, SL-P (Flandres) e SNP (Escocia)

"A Europa monolítica dos Estados xa non serve para defender o benestar da cidadanía"

A candidata nacionalista nas eleccións europeas, Ana Miranda participou nunha xuntanza de traballo cos dous partidos socios da Alianza Libre Europea.

Redacción - 09:00 30/04/2009
Nelly Maes, Ian Hugdton e Ana Miranda, na Eurocámara

Nelly Maes, Ian Hugdton e Ana Miranda, na Eurocámara

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, comezou esta semana en Bruxelas a súa axenda de traballo de cara as eleccións do vindeiro 7 de xuño, mantendo unha xuntanza de traballo con representantes de dous partidos socios da Alianza Libre Europea (ALE): Ian Hugdton, eurodeputado e presidente do Scottish National Party (SNP) -partido que preside o goberno autónomo de Escocia-, e con Nelly Maes, do partido flamengo Sociaal Liberale Partij, do que é cabeza de lista á Eurocámara e presidenta da ALE.

"Facer presión a favor de Galiza" na Eurocámara
As tres formacións políticas comparten unha actitude crítica coa forma en que se está administrando a Unión Europea, "que debería estar ao servizo das persoas e das nacións e non dos Estados, e ser máis democrática e descentralizada, especialmente neste período de crise". Nesta liña, aseguraron que "a Europa monolítica dos Estados non nos serve xa para defender o benestar da cidadanía galega e europea, nin está a promover políticas progresistas para mellorar as condicións sociais e a calidade de vida para conseguir unha distribución máis xusta da riqueza, nin un contorno limpo e enerxeticamente independente".

Miranda, polo seu lado, lembrou que a presenza do BNG na Eurocámara "daríalle a Galiza voz e voto nas problemáticas que lle afectan, como neste momento a intensa crise do sector lácteo galego". A candidata nacionalista salientou que "neste momento, os sectores da industria e dos servizos están afectados tamén pola crise económica, e dende a nosa presenza nas institucións comunitarias tentaremos facer presión en favor de Galiza con todos os nosos recursos".


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: