O equipo coruñés comeza este xoves a súa participación na final da máxima competición europea, que se disputará na localidade italiana de Bassano del Grappa.
José Querido
O portugués José Querido (Barcelos, 1961) chegou no 2006 á Coruña procedente do Clube Patín Vilanova, cunha intención clara: devolver o Liceo á primeira liña mundial, despois de varios anos de resultados mediocres. Malia caer eliminado na Copa contra o equipo que remataría por gañar a competición, os cataláns do Vic, a tempada está sendo boa e mantéñense todas as opcións de rematar campións, tanto na OK Liga como na competición europea. Este xoves ás 20h00 comeza a segunda gran proba do ano, e Querido confía no seu equipo.
Vieiros: Chegades ao final do ano metido na loita polas competicións máis importantes. Supérase con isto as expectativas que marcastes ao inicio de ano?
José Querido: Fixemos unha planificación na que entraba chegar a esta altura da tempada loitando por gañar estas competicións polo que, afortunadamente, non nos colle por sorpresa. Neste torneo aspiramos ao máximo, igual que na fase final da OK Liga. Estamos en todas as frontes e mantemos os nosos obxectivos do inicio de ano.
Como ves ao equipo tanto a nivel físico como anímico?
Penso que planeamos moi ben a tempada. Fixemos unha boa Copa, na que perdemos nun partido que era unha lotaría, e nas eliminatorias polo título tamén estamos funcionando ben. Tanto a nivel físico como mental o equipo está preparado para o que nos vén enriba.
Con que resultado te darías por satisfeito, antes do comezo da Liga Europea?
Penso que o obxectivo de todos é gañar e, aínda sabendo que é difícil, nós imos a Italia a gañar. Tanto na Liga Europea como na OK Liga a vitoria é o noso único obxectivo.
Cales pensas que son os equipos con máis probabilidades de acadar a vitoria neste torneo?
Nesta competición estamos os oito mellores equipos do mundo e calquera pode gañar. Por destacar algún temos que falar de equipos como Barcelona, Porto ou Follonica, que son os que teñen un mellor historial, pero reitero que calquera dos oito pode gañar.
Como definirías o voso estilo de xogo?
Os estilos caracterízanos os xogadores dos que dispoñemos os adestradores. Nós temos un grupo moi equilibrado no que tamén hai individualidades capacitadas para desequilibrar. Un equipo constrúese dende atrás cara adiante e nós tamén seguimos esta filosofía, partindo dunha defensa sólida.
Viñeches á Coruña para devolver á primeira liña un club histórico. Como vai ese proceso?
Cando cheguei ao equipo, fai case tres anos, o Liceo viña dun momento baixo. Ao longo destes tres anos estamos devolvendo ao club ao seu sitio: entre os mellores do mundo. Estruturalmente estamos intentando facer un Liceo forte para recuperar a grandeza da entidade.
O pavillón de Riazor cheo e animando foi un dos piares sobre o que se asentou o histórico Liceo dos anos 80 e 90. Pensas que é posíbel recuperar esa total ligazón coa afección?
Cada vez é máis difícil encher os estadios, porque aos mozos e ás mozas gústanlle moitos deportes e teñen que repartirse. Na Coruña a xente sabe o que é o hóckey, é capaz de aprecialo, e pouco a pouco nós imos metendo máis afección no estadio. É difícil volver a encher o Pazo de Riazor, pero eu penso que estamos no bo camiño. Este é un aspecto importante, porque para nós o seu apoio é
fundamental.
Aínda che queda moito por facer na Coruña?
Remato contrato este ano e estamos falando co club, para ver o que me poden ofrecer eles a min e o que eu lles podo ofrecer a eles. Aínda así, podo adiantar que me sinto cómodo na Coruña e penso que non vai ser difícil alongar o compromiso.