Adega organiza este domingo un referendo simbólico en defensa da costa. Ás denuncias polo urbanismo sen control únese a ameaza de muíños no mar.
Os parques eólicos mariños son a última novidade a impactar na paisaxe da comarca luguesa da Mariña, tal e como subliñarán esta fin de semana desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). Aproveitando que esta semana vimos de celebrar o Día da Terra, o colectivo ecoloxista organizou para este domingo 26 de abril unha actividade especial en Ribadeo, onde de 12 a 14h convoca os veciños a participaren nun "referendo simbólico" antes do xantar dominical.
Baixo o lema "No urbanismo, ti decides", os ambientalistas farán repaso das ameazas sufridas pola costa da comarca, incluídas "as macropiscifactorías, megaurbanizacións e construcións ilegais" entre outras. De xeito especial, desta volta salientarán o caso dos parques eólicos mariños, logo de coñecerse que o ministerio de Industria declarou zona apta para estas instalacións a franxa litoral entre Burela e Foz.
Sobre o mesmo asunto mobilizouse tamén esta semana o BNG d'A Mariña, recordando que esa é zona de pesca habitual para a frota de baixura e arrastre litoral con porto base na Mariña, e tamén área importante no tránsito marítimo. Ao fío, destacan a iniciativa presentada polo grupo parlamentario do BNG no Parlamento en contra destas instalacións e anuncian mocións nos concellos da zona por este motivo.