En breve vaise iniciar a recollida das 15 mil sinaturas que cómpren para que a Iniciativa Lexislativa Popular sexa tratada na Cámara.
Será un chanzo máis para que o Goberno teña "unha ferramenta para tratar de convencer" nunha loita onde a vontade de resolver o asunto depende fundamentalmente do goberno español, tal e como subliñan os promotores da plataforma Rumbo 21.
Este xoves, a Mesa do Parlamento admitiu a trámite a Iniciativa Lexislativa Popular que reclama a supresión do veto á construción naval civil que os estaleiros de Navantia en Fene sofren até 2015. A solicitude chegará agora á Xunta Electoral e desde ese momento poderíase comezar coa recollida das 15 mil sinaturas necesarias para que a Cámara se pronuncie ao respecto.
"Non fan falta 15 mil sinaturas para convencer o Goberno de que o sector naval é estratéxico, pero non é o mesmo chegar cunha iniciativa parlamentaria ordinaria que cunha que vaia avalada con estas sinaturas", reflexiona Xosé Ramón Franco, un dos promotores de Rumbo 21, insistindo na importancia da eliminación deste veto sobre o naval. Insisten desde o colectivo en que da vontade do executivo español depende a apertura ou non de negociacións con Bruxelas e a posibilidade dunha decisión da Unión Europea que axude ao desenvolvemento económico da comarca de Ferrolterra.
Por outro lado, a plataforma organiza entre os días 28 e 30 de abril, en colaboración coa Universidade da Coruña, as Xornadas Técnicas e Estratéxicas sobre o Sector Naval, a celebrar na Escola Politécnica Superior de Ferrol. A revogación da prohibición de fabricar buques civís na antiga Astano será xustamente un dos asuntos a debate eses días.