Xosé Manuel Torres Courís ocupará a delegación da Xunta en Pontevedra, sen xurisdición sobre a área de Vigo. O Consello nomeou algúns dos novos altos cargos.
Cores Tourís
Xosé Manuel Cores Tourís, até agora alcalde de Cambados, será o novo 'superdelegado' da Xunta en Pontevedra. Porén, Cores Tourís non terá poder sobre toda a circunscrición provincial, dado que o executivo de Núñez Feijoo decidiu crear outra delegación da Xunta para Vigo e a súa zona de influencia. Deste xeito, confírmase un nome que xa contaba con practicamente todas as papeletas para ocupar este cargo de grande influencia na área pontevedresa.
Por outra banda, o Consello da Xunta deste xoves estivo dedicado monograficamente ao cesamento e nomeamento de altos cargos da administración autonómica. Dende a Consellaría de Presidencia retiróuselle o cargo á totalidade de delegados e delegadas provinciais de todas as consellarías que existían até a data, ademais de Vicepresidencia. Tamén se cesaron as persoas responsábeis das diferentes secretarías e direccións xerais de cada departamento do Goberno.
A cambio, nomeáronse novos altos cargos do novo executivo do país, aínda que algúns postos seguen sendo unha incógnita, á espera de que Feijoo decida quen é a persoa que debe ocupar esas responsabilidades. Entre as caras novas están as tres mulleres que xa se anunciaran este mércores: Cayetana Lado, directora xeral da Asesoría Xurídica Xeral; Marta González, secretaria xeral da Igualdade, e Mar Pereira, secretaria do novo departamento de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Outros dos novos nomeamentos son o de Roberto Castro, como director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias; Pablo Figueroa, como director da Escola Galega de Administración Pública; Elena Muñoz, como nova interventora xeral; Xosé María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública. Na macroconsellaría de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas só se coñecen dúas caras: a do seu secretario xeral, Xosé Antonio Fernández Vázquez, e do novo secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xusto de Benito. E algo semellante acontece no resto das consellarías.
Unha das principais incógnitas do novo executivo é quen ocupará a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Marisol López xa quedou cesada do cargo no Consello deste xoves, pero non se nomeou, polo momento, a persoa que a substituirá e que definirá a relación do Goberno cua lingua. Na Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria estarán, xa, Xosé Luís Vázquez Fernández, como secretario xeral; Xosé Luís Mira, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Xosé Manuel Pinal, como director xeral de Centros e Recursos Humanos.
Outro dos nomes xa confirmados é o de Xosé Manuel Álvarez-Campana Gallo, que presidirá Portos de Galicia, dependente da nova Consellaría do Mar. Pero ao crebacabezas de Feijoo, presentado o mércores no xa famoso documento Excel da web da Xunta, aínda lle faltan algunhas pezas.