Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crítica ás "malas prácticas"

O Congreso recomenda "mecanismos de intervención" a prol do sector leiteiro

Sae adiante por unanimidade a iniciativa do BNG para frear a caída dos prezos.

Redacción - 09:00 22/04/2009

O pleno do Congreso atendeu este martes á análise que achegaba á cámara a deputada ourensá Olaia Fernández Davila (BNG), onde se advertía de que as explotacións gandeiras están recibindo pagamentos polo leite que están por baixo dos propios custes de produción. Na súa intervención, Fernández Davila alertou da "grave crise" do sector lácteo e destacou o caso de Galiza, "onde o ano pasado pecharon 1200 explotacións" e tal e como advirten desde o sector a curto prazo outras 3 mil podería pechar "se non se lle pon remedio".

Con este escenario, todos os deputados presentes na sesión votaron a prol da iniciativa saída da moción que achegaba o Bloque onde, entre outras cousas, ínstase o goberno español a realizar un informe que detalle as causas da baixada dos prezos do leite en orixe incluída a negativa dalgunhas empresas a continuar recollendo a produción. O devandito informe deberá ser presentado e debatido no Congreso posteriormente.

Medidas a curto prazo
De xeito máis inmediato o acordo inclúe outros tres eixos. En primeiro lugar a mellora da regulación do prezo de referencia do leite, emprazando por exemplo o executivo español a defender no marco da Unión Europea normativas a tal efecto. Tamén se urxe o control das importacións, demandándolle á administración estatal que aplique "co máximo rigor" as medidas contempladas na lexislación "para loitar contra as malas prácticas comerciais". Tamén xorde o compromiso para un programa de control, en colaboración cos gobernos autonómicos, que garanta a transparencia na produción e comercialización.

En terceiro lugar, destaca a petición para que a organización interprofesional láctea sirva como institución representativa dos intereses do sector coa finalidade de tomar decisións como "a introdución e extensión en todo o territorio estatal do contrato tipo homologado para o subministro de leite, o estabelecemento da metodoloxía máis axeitada para a orientación do prezo e vixilancia dun código de boas prácticas para evitar comportamento desleais".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: