A Galega estrea este luns (21.40) 'Salitre', unha serie de documentais que cada semana retratarán os portos galegos e os homes e mulleres que neles traballan.
"Sen as persoas que o traballan, o mar non é nada, é tan só unha masa de auga sen historias", di Xosé Henrique Rivadulla Corcón, guionista e director de Salitre. Todos os luns pola noite coñeceremos as persoas que se moven polos portos galegos: mariñeiros, estibadores, percebeiros, policías portuarios, poxadores, redeiras, bateeiros, técnicos das confrarías, vellos lobos de mar ou membros de salvamento marítimo. Serán trece programas de 25 minutos e trece portos, comezando esta semana por Fisterra e continuando por Cangas, Burela, Vilagarcía, Ribeira, Sada, Ribadeo, Vigo, Celeiro, Malpica, Cambados, Cariño e O Grove.
Rivadulla Corcón di que no programa queren salientar que nos portos non só traballan mariñeiros, senón que hai ducias de oficios que desenvolven alí, algún moi invisíbeis, pero igual de importantes. O autor destaca especialmente o papel das mulleres, que terán unha presenza fundamental en Salitre. Por exemplo, no primeiro programa coñeceremos a Pepita, que leva traballando no mar dende os nove anos e supera xa os noventa.
"Queremos transmitir unha idea, sobre todo -explica-, que aínda que os portos teñen problemas, e en moitos programas vaise ver como as capturas de peixe diminuíron nos últimos anos, a xente segue traballando alí porque quere, porque lle gusta, porque se atopa ben. Houbo quen nos dixo: 'o que é mariñeiro éo para toda a vida, aínda que me ofrecese un traballo máis seguro nunha fábrica, non marcharía, isto é o meu". Rivadulla Corcón di que coa serie queren "reivindicar o mundo do mar e facer país: Galiza é labrega e mariñeira".
O primeiro prograna: Fisterra
No primeiro Salitre viaxamos a Fisterra, unha vila que vive ao redor do seu porto, o que fai que os seus 5.025 habitantes se sintan tamén moi orgullos do seu Museo da Pesca, emprazado no que chaman 'A Casa de Gherra'. Os fisterráns son pioneiros na pesca do longueirón, coa técnica do mergullo, coa que tamén se pescan os ourizos, un xeito respectuoso co medio mariño. Pero tamén existe unha realidade tráxica, pois o nome de Fisterra está asociado a numerosos naufraxios. Diso sabe moito José López 'Olegario', un patrón retirado que ten rexistrados todos os naufraxios da costa galega, e Tinito, que naufregou tres veces e segue indo ao mar.