O patrón do Cidade de Lugo analiza a súa saída do Xacobeo e o novo papel que desenvolve agora dirixindo un club máis modesto.
Ramón Troncoso
En só uns meses Ramón Troncoso (26/5/1981) pasou de integrar o cadro de corredores do equipo profesional galego de ciclismo a dirixir un dos máis prometedores clubs do país, o Cidade de Lugo. Precisamente durante esta semana está participando na Volta a Galiza, onde está tendo a Gustavo Rodríguez como home máis destacado. Troncoso falou da súa saída do Xacobeo, do seu novo papel como director e analizou tamén a situación do ciclismo de base en Galiza, desprendendo as súas palabras que deixan un pouso pesimista: "Xa tivemos máis canteira da que temos".
A que se debeu o cambio fugaz que te levou en meses de ciclista profesional a director dun equipo?
A verdade é que tiña dous anos de contrato co Xacobeo e cando rematei non me renovaron. O Cidade de Lugo propúxome seguir correndo pero rexeitei esta oferta. Despois preguntáronme se quería asumir a dirección e aceptei porque me permite estar en contacto co ciclismo, o que mellor sei facer e tamén o que máis me gusta.
Como se produciu a túa saída do Xacobeo?
Falou comigo Álvaro Pino e díxome que non me renovaban por motivos técnicos, porque non estaban contentos co meu rendemento no último ano.
Pensas que aínda podías ofrecer máis ao equipo se confiaran en ti?
Eu teño 27 anos e penso que cada ano subín un chanzo no meu rendemento. Non ía ser unha estrela pero si que ía seguir medrando, e quedei coa sensación de que podía dar máis de min.
Hai moita diferencia entre ser director ir enriba da bicicleta?
Isto é algo novo que non ten que ver coa vida de ciclista. Agora dirixes, adestras e planificas as competicións. É diferente pero está moi ben e estou moi contento.
A consolidación do Xacobeo pode permitir o crecemento da base do ciclismo. Pretende o CC. Cidade de Lugo aproveitarse desta tendencia positiva, nutrindo de novos talentos o equipo profesional do país?
Si, claro, de feito este é un dos obxectivos do club pero temos claro que nos queda moito traballo por diante. Sabemos que o Xacobeo vai ter que coller novos corredores co paso dos anos e a nós gustaríanos poder ser nun futuro unha fonte importante de novos talentos, pero todo dependerá dos resultados.
Agora que vives máis de perto o nacemento dos novos talentos, como ves a situación da canteira ciclista galega?
Eu penso que xa tivemos máis da que temos, malia os grandes esforzos que realizan os clubs. Igual é porque hai outros deportes de moda mais tamén ten importancia o feito de que os nenos cada vez teñen menos interese no deporte. Ademais, os pais adoitan fomentar deportes que lles resulten prácticos e resulta máis cómodo levar a un neno a un estadio e ilo recoller despois de tres horas que ter aos fillos ou fillas en bicicleta polas estradas adiante.
Conforme vai medrando a figura de Ezequiel Mosquera dá máis medo o baleiro que, dentro de anos, pode deixar cando baixe o nivel. Que ciclista ves ti destinado a encher ese oco?
Un dos que teñen mellor motor é Gustavo Veloso, que fixo cousas importantes en amateur e profesional, e só ten 28 anos. Despois están outros corredores como Delio Fernández e Gonzalo Rabuñal, que van ir subindo de nivel e, cando menos o agardemos, poden pasar a disputar voltas importantes.
E cales son os ciclistas que andan mellor dentro do Cidade de Lugo?
Gustavo Rodríguez é o que ten máis experiencia porque xa estivo correndo varios anos na categoría profesional. Dos rapaces novos destaca Iñaki Eiras que vén de xuvenís e con só 19 anos fixo carreiras moi boas. Ademais este rapaz está compaxinando os adestramentos co estudo, polo que ten aínda máis mérito.
Que resultados pensas que pode acadar o Xacobeo na súa primeira participación no Giro d´Italia?
A min Ezequiel sorpréndeme en cada carreira e agora mesmo anda como unha moto, polo que pode pasar calquera cousa. Un factor a ter en conta é o clima, que é máis favorábel para o Xacobeo que o calor do verán. Eu creo que van a dar guerra, estar entre os primeiros e facer un bo papel, que pode ser até estar entre os 10 primeiros da xeral ou incluso facer un podio. Ademais penso que Ezequiel vainos dar algunha alegría nunha etapa con final en alto.