A selección galega júnior, formada por cinco rapaces, aproveitará a viaxe para adestrar durante unha semana.
Tamén na loita o deporte galego ten futuro
O pasado xoves saíu cara a Azerbaidxán a selección galega júnior de loita para participar alí nun torneo internacional. A competición celebrarase na cidade de Bakú, ao leste do país, entre os días 25 e 28 deste mes. O equipo galego saíu con antelación para aproveitar a viaxe e adestrar coa selección do país anfitrión.
A expedición constitúe unha grande oportunidade para os cinco mozos do equipo galego, xa que ademais de aprender adestrando coa selección de Azerbaidxán competirán con máis de douscentos loitadores de 17 seleccións.
O equipo está formado por Miguel Camarés, Eliseo Permuy e Luís Garnil (Club Keltoi de Vila de Cruces); Pablo Fernández (Club San Ignacio) e Pablo García (Club Saudade de Vigo).