Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VISTO PARA SENTENZA

Piden catro anos de cadea para o ex-alcalde da Guarda por prevaricación

Alonso Rego declarouse inocente, se ben recoñeceu ter enviado facturas de obras sen rematar para non perder subvencións da Xunta e da Deputación.

Redacción - 11:15 17/04/2009
O ex-alcalde sométese a petición de catro anos de cadea e oito de inhabilitación

O ex-alcalde sométese a petición de catro anos de cadea e oito de inhabilitación

Chegou o día do xuízo e o ex-alcalde da Guarda (PP) declarouse inocente. Xosé Luís Alonso Rego está imputado de prevaricación e falsidade documental, polo que a Fiscalía e a acusación particular piden catro anos de prisión e oito de inhabilitación de cargo público. Mentres, a defensa solicitou a libre absolución.

Facturas dunhas obras que nunca se fixeron

Os feitos xulgados remóntanse a 2005, cando o concello da Garda solicitou subvencións á Xunta e á Deputación de Pontevedra para melloras en dependencias municipais. Foi concedida a cantidade de 10 mil euros por parte do goberno autonómico e outros 13 mil por parte do provincial, co compromiso de que as obras estivesen concluídas o 15 de outubro. O día antes do vencemento do prazo para a xustificación das obras e, para non perder esta subvención, o alcalde remitiu á Consellaría de Presidencia e á Deputación unha fotocopia cotexada do gasto, co visto bo do edil de cultura (tamén xulgado), malia que os traballos polos que se presentaban as facturas non estaban realizados.

Este extremo foi confirmado no xuízo polo ex-alcalde, quen asegurou, non obstante, que "as obras si que comezaran, tanto no Concello como no Conservatorio, pero é certo que non estaban concluídas no momento no que o exixían as administracións para outorgar a subvención", dixo Rego. Ao tempo, indicou que ese foi o único motivo polo que contactou coas empresas executoras para que emitisen esas falsas facturas, xa que "non podiamos permitirnos o luxo de perder eses cartos".

Con todo, o arquitecto municipal contradixo estas declaracións ao asegurar que os traballos "non estaban nin sequera iniciados", como reflicte o informe técnico que recolle o escrito de acusación. Malia todo, Alonso Rego reiterou que "o único beneficiado en todo isto foi o concello, eu nunca recibín nin un euro de ningún dos meus empregos públicos, porque xa teño os meus propios negocios". Porén, a Fiscalía reiterou a consideración da actitude do ex-alcalde de prevaricación e de falsidade documental, xa que "ambos enganaron á Xunta e á Deputación presentando facturas inventadas por traballos que en realidade nunca se levaron a cabo". O xuízo quedou, así, visto para sentenza.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: