A vindeira xornada da Liga de División de Honra ofrécenos o enfrontamento entre dous equipos separados por 10 puntos na táboa.
Imaxe do partido da primeira volta, na 12ª xornada
A 27ª xornada da Liga de División de Honra tráenos o segundo enfrontamento directo entre os equipos galegos, que ocupan dúas posicións moi diferentes neste momento. Por un lado está o Lobelle, situado na cuarta posición da táboa e con posibilidades de acceder por primeira vez como cabeza de serie ás eliminatorias polo título. No outro lado da balanza está o Ázkar, que ocupa a novena posición, a tres puntos de clasificarse para as eliminatorias.
O Lobelle, adestrado por Tomás de Dios, chega nun gran momento despois de acadar 13 dos últimos quince puntos que disputou na liga e está completando unha das súas temporadas máis regulares nos últimos anos. Na tempada do Ázkar abondaron as subidas e baixadas mais, aínda así, chega á recta final nun bo momento e con posibilidades de clasificarse para as eliminatorias, xa que gañou os dous últimos partidos e está a só unha vitoria do oitavo, e cun partido menos.
A emoción está garantida sempre que se enfrontan os dous grandes do fútbol sala galego, nun momento onde non hai que esquecer ao Pescados Rubén Burela que vai coma un tiro na fase de ascenso e aspira a acompañar a Ázkar e Lobelle na División de Honra o vindeiro ano. O encontro disputarase 18.00 horas do sábado no pavillón Multiusos Fontes do Sar e será retransmitido en directo pola Televisión de Galicia.