Os ecoloxistas subliñan o exemplo da Frouxeira e postúlano como un exemplo a seguir no resto da costa.
"E o resto da costa?". Esa é a pregunta que se fan os ambientalistas do país, preocupados polas últimas novidades ao respecto das políticas que, en materia de protección do litoral, introducirá o próximo goberno. O exemplo a seguir tivémolo recentemente en Valdoviño, onde o Concello decidíu paralizar unhas obras que comezaran no ano 2006, coa intención de construír unha urbanización na praia da Frouxeira, zona de especial protección.
A dúbida que queda agora aos colectivos ecoloxistas é que cobertura terán os espazos protexidos da costa galega. Esta incerteza é debida a que o vindeiro 17 de maio remata a moratoria urbanistica dos 500 metros e esténdese o medo de que ante a falta de iniciativa do novo goberno recaia nos colectivos ecoloxistas e veciñais a responsabilidade sobre os espazos protexidos.
No caso de Valdoviño o pleno do Concello acordou a supensión da licenza de urbanización da Saíña, na zona de Punta Frouxeira, ao carón do castro do mesmo nome. Esta medida respondeu a unha reclamación que vén de vello, e que o propio BNG levou, sen éxito, a debate no pleno municipal o pasado mes de agosto. Ademais foron varios os colectivos ecoloxistas que, encabezados por Adega, protestaron contra a posibilidade de que se urbanice nesa zona protexida.
A urbanización (ver fotos) íase situar integramente nunha zona LIC Costa Ártabra e, parte dela, invadiría tamén un espazo recollido na Rede Natura 2000. Ademais, o terreo linda con zonas Zepa (Zona de especial protección para aves) e Ramsar (convención internacional que protexe os humedais), situándose a ben pouca distancia do castro da Frouxeira.
Con esta decisión, o goberno que dirixe Mª Isabel Álvarez Diéguez (TeGa) paraliza as obras iniciadas no 2006 pola empresa "Construcciones Gallegas, S.A." e inicia ademais o proceso de modificación das Normas Subsidiarias de Valdoviño (leis recollidas dentro do réxime do chan e ordenación urbana) coa intención de adaptalas á realidade vixente en materia de protección ambiental e patrimonio.