A carreira arrinca este mércores 15 en Vilagarcía e remata o 19 na mesma localidade, despois de cinco etapas que levarán os 133 ciclistas polo país adiante.
A Volta a Galiza volve levar a festa do ciclismo polas estradas do país
Este mércores arrinca en Vilagarcía a oitava edición da Volta ciclista a Galiza na que participan 19 equipos das categorías elite e sub-23, sete deles galegos. Os 133 corredores inscritos percorrerán un total de 640 quilómetros divididos en cinco etapas.
A volta comeza e remata na vila arousá, cumprindo no medio as seguintes cinco etapas: Vilagarcía - Coruña; Coruña - Porto do Son; Porto do Son - Cuntis; Cuntis - O Porriño; e O Porriño - Vilagarcía. De entre todas estas, a organización da carreira considera que a segunda etapa entre Coruña e Porto do son será a que pode marcar maiores diferenzas entre os ciclistas, xa que conta coas subidas aos altos de Salgueiras e Paxareira, antes de chegar ao Alto da Enxa, onde remata a xornada. Esta tirada disputarase o vindeiro xoves con saída ás 14.00 horas e chega estimada ás 18.00.
Na VIII edición da Volta ciclista a Galiza participarán sete equipos galegos: CC Padronés-Aluminios Cortizo, CC Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia, CC Spol Caixanova, CC Vigués-Chint Autronic, CC Luís Ocaña-Cymasa; CC Cambre-Renault Caeiro e Supermercados Froiz. Ademais estarán nove equipos españois, dous portugueses e un ruso.
Consulta aquí os perfís das etapas (.pdf /87,7 KB)