A AELG propuxo 'Hordas de Escritura' e 'Festina Lente' como candidatos galegos en poesía e narrativa. Serán refrendados o sábado 18 en Santander.
Chus Pato
A Asociación Española de Críticos Literarios anunciará o sábado 18 en Santander os Premios da Crítica correspondentes ao ano 2008. A proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que debe ser refrendada polos seus colegas de todo o Estado, foi anunciada este luns: Hordas de Escritura de Chus Pato en poesía, e Festina Lente de Marcos S. Calveiro en narrativa.
No libro de Chus Pato os críticos valoraron a súa orixinalidade, a mestura de xéneros e a solidez dun discurso iniciado en m-Talá e Charentón, e previamente noutra media ducia de poemarios. O obra de Marcos Calveiro destacou no último ano polo xeito en que o autor vigués se adentrou no xénero da novela histórica cunha novela que fala en boa medida sobre a propia cultura escrita.
Os premios da crítica recoñecen un poemario e unha obra de narrativa en galego dende que en 1976 se fixesen con eles Celso Emilio Ferreiro e Carlos Casares. Nos seus máis de trinta anos de traxectoria o galardón recaeu no máis destacado dos autores galegos e na súa edición anterior, os premios foron para o Vigo de Helena de Carlos e para O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei.