As limitacións de acceso á planta póñense de manifesto especialmente cos grandes barcos que comezan a operar no sector.
A planta regasificadora de Bilbao recibiu o pasado mes de xaneiro un dos buques denominados Q-max. Trátase dun tipo de gaseiro caracterizado por unha capacidade de carga de até 267.000 m3, en cinco tanques, cunha eslora de 345 metros, 55 de manga e 12 metros de calado. Tal e como analizan desde o colectivo universitario Cidadáns Aliados para Protexer o Entorno, F-CAPE, integrante das mobilizacións contra a planta mugardesa, este tipo de gaseiro carga un 80% máis que os convencionais.
Advirten desde a asociación que, polas súas características, a planta de Ferrolterra non poderá recibir este tipo de buques, malia que son a aposta do sector para reducir costes de transporte. As plantas de Sagunto, Cartaxena, Huelva e Barcelona xa están orzamentando as modificacións necesarias nos puntos de descarga para facilitar o atraques destes modernos gaseiros. Non poderá facelo así a de Ferrolterra, da que son coñecidas as limitacións no calado e o trazado do acceso ao interior da ría. Recordan desde a plataforma cidadá que dos corenta gaseiros que chegaron até o de agora, o 43º esta mesma semana, unha decena tiveron que arribar na ría de Ares debido á climatoloxía, agardando condicións favorábeis para acceder "sen riscos" polo canal.
"Obviamente estes buques de maior calado e manga que os convencionais non poderían entrar na ría de Ferrol, polo que a planta regasificadora estaría condenada a recibir os vetustos gaseiros propulsados a vapor e de baixa rendabilidade económica", apuntan.