O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, insiste en que o deputado pontevedrés do PpdeG actuou "dentro da legalidade".
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, enmarcou a apertura do expediente informativo a Agustín Hernández na "desfachatez sen límites" que na súa opinión adoptou o bipartito nos "últimos días" e defendeu que o deputado popular actuou "dentro da legalidade" cando se incorporou á empresa Calzadas e Pontes, tras ocupar a Dirección Xeral de Obras Públicas no último Goberno de Fraga.
Preguntado en rolda de prensa por esta cuestión tras confirmarse a apertura do expediente, o dirixente do PP galego lamentou que o presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, adoptase esta "actitude" e teimou en que tanto este como o conselleiro de Presidencia en funcións, Xosé Luis Méndez Romeu, "saben que non se produciu ningunha ilegalidade".
Previamente, tamén se referiu ás palabras verquidas por Méndez Romeu, quen asegurou que Hernández está "flagrantemente incurso" na Lei de Incompatibilidades de 1996 e quixo "recordarlle" ao aínda conselleiro que "na Consellaría de Política Territorial hai varios altos cargos imputados por varios delitos", en relación ao caso aberto pola autovía d'O Barbanza. "É un procedemento que aínda está aberto e iso deberíao facer reflexionar", expuxo.
Rueda concluíu que, con posturas como esta, "faise cada vez máis claro e evidente porqué os galegos decidiron desaloxar o bipartito das urnas" e sentenciou que as últimas decisións constatan que "o Goberno que perdeu nas urnas parece que non se resigna ao resultado electoral". O dirixente político volveu reiterar que, "sen ningunha dúbida", o deputado popular moveuse dentro dos límites da legalidade", e contrapúxoo con que "cando se fala da Consellaría de Política Territorial, fálase de varios altos cargos imputados por varios delitos graves".