O 40% dos organismos estatais brasileiros xa está acollido a ferramentas informáticos de código aberto.
O Servizo Federal de Procesamento de Datos (Serpro) do goberno de Brasil, vencellado ao Ministerio de Facenda, achegou o balance dos últimos 12 meses ao respecto da introdución do software libre na administración do país, achando que o aforro alcanzou os 127 millóns de euros.
O departamento de Facenda sinala que esta cantidade dobra os investimentos realizados no desenvolvemento dos programas para a declaracióndo Imposto da Renda e de consulta ao Sistema Integrado de Aministración Financeira. O presidente do Serpro, Marcus Vinicius Ferreira Manzoni, destacou ademais que a cantidade sería incluso maior se se tivese computado o gasto de mantemento dos programas.
Brasil subliña así a súa aposta polos sistemas operativos, navegadores, programas de mensaxería e outras aplicacións diversas baseadas en código aberto. Mazoni salientou tamén que o aforro conseguido serviu á vez para trasladar investimento cara ao despregue de telecentros, posibilitando a construción de até 5 mil centros deste tipo. O Serpro contabiliza que arredor do 40% dos organismos federais funcionan xa ao cento por cento baixo software libre e o resto de departamentos, en maior ou menor grao, dispoñen xa de programas de código aberto. O goberno brasileiro considera que este aumento se está producindo de xeito "exponencial", xa que o éxito da introdución dun departamento contaxia a aposta doutros. Destacan desde a administración brasileira o dobre valor: É tecnoloxía "máis barata" e superior en termos de "adaptabilidade".