Reproban que non se designen os interlocutores específicos nun "intento de forzar a adiantar os nomes dos futuros conselleiros".
O PPdeG denunciou que a segunda xuntanza desenvolvida entre os representantes 'populares' e dos representantes do Goberno bipartito para o traspaso de poderes foi saldada co convencemento propio de que o Executivo saínte "se empeña en atrasar" este labor. Nesta liña, os populares denunciaron que o Goberno saínte está a "atrasar deliberadamente o transvasamento de información ao equipo entrante", malia que pasaron 38 días dende a celebración das eleccións.
Nun comunicado de prensa, o PPdeG láiase, ademais, de que "en contra do que é habitual neste tipo de situacións, o bipartito négase a informar os populares sobre o contido dos asuntos que conformarán a orde do día do Consello de Goberno previsto para mañá".
Aínda que o deputado popular Pedro Puy, designado por Feijoo para participar nas xuntanzas, describiu as conversas como "cordiais e satisfactorias", a nota enviada polo seu partido contradi as súas afirmacións, xa que nela o PPdeG denuncia que o bipartito non lles ofreceu interlocutores para "coñecer o funcionamento e estado de situación do dispositivo antiincendios forestais da Xunta, a situación na que se atopa o plan do litoral ou a situación do sector lácteo". Nesta liña, sinalan que dende a Xunta só lles dixeron que as persoas que entren como novos conselleiros e conselleiras coñecerán, de primeira man, estes temas, falando cos conselleiros e conselleiras saíntes. Por isto, dende o PPdeG pensan que o bipartito "pretende condicionar a designación dos seus interlocutores", culpando o Goberno en funcións de estar a realizar un "intento paralelo" de forzalos "a adiantar os nomes dos seus futuros conselleiros".