Asociacións empresariais portuguesas e colectivos comerciais do Baixo Miño e Val Miñor asinan un proxecto bautizado "Compromiso de Caminha".
"É o momento de facer un esforzo conxunto", sinala Jorge A. Álvarez Bautista, presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (ACITUI), destacando as oportunidades que a colaboración ofrece para sumar forzas "diante da crise que atravesamos". Da propia interlocución deste colectivo tudense xunto con Olegário Gonçalves, presidente do Conselho Empresarial dos Vales do Lima e Minho (Ceval), xurdiu a idea de estreitar relacións de xeito práctico e botar adiante iniciativas conxuntas.
Esas vontade de cooperación exprésase no documento asinado agora por unha ducia de colectivos das dúas beiras do Miño, baixo o lema "Compromiso de Caminha". Sen mediación de ningunha administración, o empresariado local toma así a iniciativa co obxectivo de "planear, promover e articular iniciativas e proxectos de interese común, con vista ao desenvolvemento económico e social das áreas de competencia das devanditas asociacións".
"Cada vez máis, é necesario estabelecer unha organización de carácter xurídico que permita crear unha dinámica innovadora e creativa xunto ás entidades que tomen a decisión de unirse", coincidiron en avaliar tanto Gonçalves como Luís Ceia, presidente da Asociación Empresarial de Viana do Castelo (AEVC), outro dos colectivos asinantes.
Un total de 11 organizacións de comerciantes e empresarios asinan polo de agora o compromiso de colaboración, e os promotores agarden que outras asociacións se sumen co tempo. Subscriben de momento: ACITUI – Asociación de Comerciantes e Industrias de Tui; ABACO – Asociación de Comerciantes e Empresários do Baixo Miño; ADETO – Asociación de Comerciantes de Tomiño; Asociación de Empresários do Val Miñor; ACHEGO – Asociación de Comerciantes de Gondomar; ACEBA – Asociación de Empresários e Comerciantes de Baiona; AEVC – Asociación Empresarial de Viana do Castelo; ACIAB – Asociación Comercial e Industrial dos Arcos e Barca; ACIVAC – Asociación Comercial e Industrial dos Vales do Âncora e Coura; ACICMM Asociación Comercial e Industrial dos Concelhos de Monção e Melgaço; e AEPL - Asociación Empresarial de Ponte de Lima.