O deputado socialista ourensán afirmou, ao fío do balance do pacto PSOE-BNG, que "hai cousas polas que, ideoloxicamente, non se debe pasar".
Manuel Vázquez, aspirante a liderar o PSdeG
O conselleiro de Medio Ambiente en funcións e líder do PSdeG en Ourense, Manuel Vázquez, confesa que da experiencia do Goberno bipartito co BNG aprendeu que "hai cousas polas que, ideoloxicamente, non se debe pasar", polo que o seu partido "non gobernará a calquera prezo". Así, advirte os nacionalistas de que "sería capaz de non gobernar", aínda que o PP non tivese a maioría absoluta, "se non se dan as circunstancias".
"Se tivésemos que gobernar en maioría minoritaria, non gobernariamos a calquera prezo" , insistiu o socialista nunha entrevista concedida a Europa Press, e fixo fincapé en que a "vocación" do PSdeG é "gobernar en solitario". "Queremos gobernar nós e, despois, xa falaremos", resolveu, antes de apuntar que a perda da maioría absoluta do PP é "condición necesaria pero non suficiente para que haxa un goberno de alternativa".
amén do pacto de goberno na Xunta, os socialistas galegos aprenderon, segundo Vázquez, que "hai determinadas actitudes que teñen que ser absolutamente definitorias dun modelo de goberno". Por iso, mostrou a súa aspiración de alcanzar o teito de representatividade obtido nas eleccións municipais, dun 40%, consciente da "dificultade" de lograr a maioría absoluta.
"O problema non foi a coalición"
En todo caso, entendeu Vázquez que "o problema non foi a coalición", posto que, ao seu xuízo, estas son "boas" e "funcionan case sempre". "A nosa non funcionou, non o fixemos ben", admitiu, e repartiu as "culpas" entre as dúas partes. "A nós parécenos culpa do BNG e ao BNG pareceralle culpa nosa", razoou, pero incidiu en que "hai cousas polas que non se debe pasar ideoloxicamente". Á marxe disto, considerou que os pactos locais "gozan de moi boa saúde".
A maiores, rebaixou o acordo para a cesión ao BNG dun membro da Mesa do Parlamento a unha cuestión de "pluralidade" e "representatividade" e descartou a posibilidade de estabelecer "alianzas" coa formación frentista na Cámara. "Pactamos unhas regras de xogo, pero cada un vai xogar a súa partida e podemos coincidir ou non nas accións parlamentarias, pero non é o noso obxectivo", remarcou o socialista.
Candidatura ao liderado do partido
Por outra banda, Vázquez condicionou a presentación da súa candidatura a suceder a Emilio Pérez Touriño na Secretaría Xeral do PSdeG á seguridade de "facer pé" nunha militancia que leva un par de semanas "sondando". "Se teño o apoio das bases, tomarei as decisións persoais que teña que tomar", afirmou, e avanzou que despois de Semana Santa fixará a súa posición. Neste sentido, indicou que percibe "un nivel de apoio moi importante". "Eu non digo que levante a man quen me apoie, pero deduzo apoios cando o que eu proxecto e o que me proxectan son concorrentes", analizou.
En todo caso, coa vista posta no 25 de abril como data do congreso extraordinario, lamentou "o sambenito de candidato oficial" que lle colgaron tras recibir apoios de numerosos membros da dirección do partido. Fronte a isto, resaltou a súa vontade de "ser tremendamente respectuoso coa militancia" e asegurou non consultar a súa candidatura con ningún dirixente do PSOE, aínda que admitiu ter falado con Touriño, do que valorou a súa decisión de "retirarse absolutamente de circulación".
Por outro lado, desvinculou o cargo de secretario xeral e a candidatura á Presidencia da Xunta e apostou por non converter isto nunha "cuestión de honra". "Se agora me dixesen que son un gran secretario catro anos e que con outro candidato gobernamos, diría, 'onde hai que asinar?'", aseverou, e mostrouse partidario de que "cada un saiba o que lle toca" en cada momento". "Agora toca reforzar o partido e defender o noso programa", concluíu.
Proxecto
Vázquez debullou as claves do seu proxecto, que pasa por "reforzar" a estrutura do partido, "axilizar" a toma de decisións políticas e "incentivar o debate". "Antes estaba moi penalizado, pero hai que falar e escoitar", incidiu. "Debemos recuperar o que fixemos ben e poñelo en valor, pero asumir os nosos erros e corrixilos", admitiu e apostou por crear órganos de control político dende o partido cara ao goberno para "non correr o risco" de "caer nun distanciamento das bases".
Neste sentido, defendeu a necesidade de celebrar unha permanente "todos os luns ou cada 15 días", co fin de "decidir a acción política e marcar unha homoxeneidade de acción", e avogou tamén por crear un centro de formación de dirixentes "adaptado á realidade política galega" que "deseñe unha unidade de ideoloxía e de programa".
Outro dos vértices fundamentais pasa por deseñar un modelo dun "militante, un cargo", posto que, ao seu xuízo, "os cargos prominentes do partido teñen que ser full-time". "Unha persoa non pode dedicarse a dirixir o partido se ten que estar 10 horas diarias noutro cargo, a dirección deste partido debe ser o elemento preferencial da actividade laboral", reflexionou.
Sobre o posto de voceiro parlamentario, que ocupa Xaquín Fernández Leiceaga, Vázquez entendeu que "dependerá" do próximo secretario xeral, que será quen deba falar de "como ve o grupo e a acción parlamentaria". Non obstante, considerou que "ningún dato apunta a que Leiceaga teña que deixar de ser voceiro" posto que conta "co apoio unánime" dos deputados socialistas.
Erros
Das súas reunións coas bases, Vázquez concluíu que están "doídas" tras perder as eleccións aínda que "ilusionadas" co futuro. "A xente quere un partido áxil, innovador, con caras novas pero sen rexeitar a aqueles cun peso específico", celebrou, e apostou por ver a militancia como "grande transmisor da acción política" e non como "mero recadador de apoios". Entre os erros cometidos durante os catro anos na Xunta, sinalou que as bases ven, sobre todo, problemas de comunicación. "A sensación de que, facendo tanto, se vendeu moi pouco", expuxo, e engadiu a falta de "debates internos". Non obstante, xustificou esta cuestión no "pudor" do partido a "dar sensación de lea".
"Non soubemos diferenciar o que é armala de debater e opinar, e foi o que nos levou a isto. Hai que aprender que o debate, a opinión e a controversia interna non son ningún prexuízo, e que hai máis risco nas unanimidades e nas aclamacións", analizou, aínda que rexeitou responsabilizar diso en exclusiva a Touriño. "Todos tivemos culpa, e eu asumo a miña parte", recoñeceu.
"Gobernar en catro anos"
Por outra banda, Vázquez apuntou que a "aspiración" do PSdeG é "gobernar en catro anos". Deste modo, replicou a "aqueles que cren que o PP volveu para quedar" que "ningún goberno ten xa patentes de máis de catro anos". "A todo o que crea que os catro anos teñen prórroga xa lle digo que era o mesmo que criamos nós", lamentou, e incidiu en que os cidadáns "non dan nin un minuto máis".
De momento, asegurou que o labor de oposición do seu partido se centrará en "defender os intereses dos galegos" e, nese extremo, mostrouse partidario de "apoiar o Goberno dende o primeiro minuto". Fronte a isto, avisou de que fará unha "oposición frontal" ás "políticas habituais" dun goberno que considerou "vello pero disfrazado de novo".
Precisamente, reprobou o "cinismo absoluto" de Feijoo, a quen pediu que revise as adxudicacións eólicas e hidráulicas que realizou o anterior Executivo popular mentres se atopaba en funcións e lle recordou que as súas concesións de minicentrais "a cuñados e irmáns de directores xerais do PP están na Fiscalía".