Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusa de "resentimento" a PSOE e BNG

Pilar Rojo espera ver reformado o Estatuto nesta lexislatura

A nova presidenta do Parlamento di confiar na posibilidade de que poida chegar desta volva o consenso estatutario.

Europa Press - 20:15 05/04/2009

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, apostou este domingo por que esta "sexa a lexislatura do novo Estatuto de Autonomía de Galicia" e prometeu traballar por sacar adiante un pacto "co acordo de todos".

Rojo pronunciouse deste xeito nunha entrevista coa Cadena SER recollida por Europa Press, na que manifestou que "dende o primeiro día" está "disposta a abrir esta cuestión", que é un dos asuntos que están "sobre a mesa". "Temos, entre todos, que chegar a un equilibrio, eu creo que niso consiste o debate e o consenso", dixo.

Ademais, indicou que tamén esta pendente a reforma do regulamento da Cámara, que, recordou, "non só sería un traballo da Presidencia" do Parlamento, senón de todos os deputados. "Eu creo que ten que ser un dos temas de acordo, porque os deputados queremos que o Parlamento funcione do mellor xeito posible, reformar o regulamento para darlle máis axilidade ao funcionamento", aseverou.

Por outra banda, insistiu en que está "encantada" co seu cargo e rexeitou sentirse decepcionada por non ser chamada polo próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para algunha consellaría. "Como me vou sentir decepcionada, ser conselleira é ser outra cousa, agora son a presidenta do Parlamento con toda a dignidade que poida", retrucou, "O presidente do meu partido propúxome para o cargo e eu vou estar onde se me pida", asegurou. Rojo agregou que "sería inxusto pensar que non é unha honra e que non é unha alta responsabilidade" ocupar o posto de presidenta do Parlamento.

Así mesmo, apuntou que o seu traballo leva consigo "ser ecuánime" e "estar por enriba da cor política", aínda que admitiu que isto pode "espertar antipatías no mesmo grupo" do que forma parte. "Somos un garante e teño que ser institucional e non política; teño que intentar molestar pouco. Apelo á responsabilidade de todos os deputados, empezando polos meus,", dixo.

Acusacións de resentimento
A presidenta do Parlamento considerou que hai "resentimento" no PSdeG e no BNG e que "hai declaracións que sobran". "Ao inicio dunha lexislatura non sei por que uns teñen dereito a cen días e outros non", dixo. "Se iso é certo o único que demostraría é que o único que hai é resentimento", afirmou.

Ademais, manifestou que espera que esta lexislatura sexa "rigorosa" e que nela "se traballe con seriedade". "Facer cousas diferentes ao que o pobo galego decide é resentimento e hai que traballar xuntos ante a situación de crise, arrimando o ombro" resolveu.

Preguntada acerca da posibilidade de que Núñez Feijoo se someta ao control do Parlamento en todos os plenos, como fixo o presidente saínte Emilio Pérez Touriño, Rojo sinalou que "é un bo costume" e destacou que a de control do Goberno é un dos labores "importantísimos" da Cámara.

Procura de austeridade
A presidenta do Parlamento avanzou que "haberá austeridade" porque na vida diaria todos os cidadáns se teñen que apertar o cinto". "Aínda non tiven tempo de ver os números, pero hai que intentar aforrar na xestión do día a día, en gastos superfluos e iso ten que ser un dos primeiros traballos", agregou.

Respecto á presenza de mulleres no Parlamento manifestou que lle gustaría ter "unha compañeira" --é a única muller na Mesa do Parlamento-- e reflexionou que lle gustaría que o feito de que as mulleres accedan a postos de responsabilidade "deixe de ser unha noticia".

Por último, Rojo fixo referencia á anécdota da sesión de constitución do novo Parlamento, na que se referiu ao himno galego como "himno nacional", algo do que asegurou non se decatar. "Son anécdotas que mesmo poden ser divertidas, o peor é cando unha anécdota se pode converter nun intento de manipulación", reprochou, en referencia a declaracións posteriores de membros do BNG. A este respecto chanceou: "Din que un presidente do Parlamento ten que contentar a todos e, se o primeiro día xa contento ao Bloque, doume por satisfeita".


1/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: