Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica decisión

Máis de mil inspectores de Facenda deixan de controlar as grandes fortunas

O goberno español estabeleceu que pasen adicarse exclusivamente a pequenos contribuíntes, pemes e asalariados.

F.Javier Aguayo - Diagonal - 14:15 04/04/2009

En previsión da próxima campaña da Renda, que comezará en maio, a Axencia Tributaria puxo en marcha a medida aprobada por medio dunha resolución con data do 26 de novembro de 2008. Esta consiste nunha reestruturación sen precedentes do corpo de funcionarios dedicados ao control da fraude fiscal.

Até ese momento, 1.058 dos 2.731 técnicos de Facenda dedicábanse ao control das operacións superiores a tres millóns de euros, o que afectaba a grandes empresas e contribuíntes con patrimonios elevados. Tras esta nova medida, eses técnicos dedicaranse exclusivamente a pequenos contribuíntes, o que afectará á maior parte de pequenas e medianas empresas (pemes), autónomos e asalariados, sempre que os seus ingresos non superen os catro millóns de euros. Segundo a propia resolución, os técnicos de Facenda controlarán "as actividades de quen o volume anual de ope- racións declarado non supere 4.000.000 euros, no caso de que se trate dun control de carácter xeral ou de 5.700.000 euros, se supón unha actuación específica".

Desde o sindicato de técnicos de Facenda Gestha móstranse críticos coa medida, xa que "deste xeito redúcese notabelmente o persoal dispoñíbel para controlar as grandes fortunas". Nese sentido, resulta paradoxal que no pasado exercicio fiscal a Axencia Tributaria realizase catro millóns de actuacións con pequenos contribuíntes, o que supuña cumprir a un 120% os obxectivos fixados previamente, mentres que tan só se fixeron 125.000 intervencións en grandes capitais.

Medidas excepcionais
No entanto, baixo o paraugas da crise e a situación excepcional que vive a economía, o goberno español tomou outras medidas fiscais polémicas. Por medio dun Real Decreto polo que se desenvolve a Lei de medidas contra a fraude fiscal, e evitando darlle demasiada difusión, o Consello de Ministros aprobou o 3 de novembro un "aguinaldo fiscal" para grandes accionistas de bancos, executivos bancarios e os seus familiares, segundo o cal todos eles poderán tributar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) a un tipo do 18%, no canto da o 43% ao que debían facelo até agora, cando reciban rendas de capital mobiliario das súas propias entidades. De tal xeito que os intereses que xeren as súas contas bancarias e depósitos, ou o beneficio de préstamos ou bonos, veranse afectados pola medida.

Gestha denunciou o real decreto ante o Tribunal Supremo, ao considerar que "é ilegal e atenta gravemente contra o Estado de dereito, xa que excede o disposto pola Lei do IRPF de 2006, na medida en que un regulamento non pode modificar unha lei de rango superior, que se aprobou precisamente para evitar o abuso fraudulento das operacións financeiras entre socios e sociedades", ou o que é o mesmo, banqueiros e bancos.

Outra medida polémica do executivo estatal foi a aprobación en xaneiro de 2008 dunha rebaixa de 400 euros nas retencións por IRPF anuais para asalariados e pensionistas. Devandito concepto, que afectaba por igual tanto a grandes capitais como a asalariados, non incluía a sete millóns de traballadores e pensionistas que, ao non facer declaración da renda, non se beneficiaban da medida, así como a aqueles cuxas retencións eran menores a 400 euros.

Amnistía aos paraísos
En decembro, o ex ministro de Traballo, Jesús Caldera, presentaba o primeiro informe da Fundación Ideas, considerada "a fábrica de ideas do PSOE". O devandito informe propuña, entre outras medidas, acabar cos paraísos fiscais, para o que avogaba por introducir un proceso de regularización fiscal progresiva e coordinada en todo o mundo até 2015, no que os capitais que abandonen estes paraísos non serán penalizados e tributarán a un nivel inferior, sen facer distinción sobre a procedencia dos mesmos. Tras esa sorte de "amnistía fiscal" para grandes fortunas e empresas, os paraísos fiscais quedarían completamente prohibidos e os Estados que os mantivesen serían excluídos de todos os organismos financeiros internacionais.


Ligazóns

5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: