Un cento de gandeiros bloquearon o centro loxístico de supermercados Día en Compostela. Denuncian a importación de leite francés e portugués por parte das cadeas de distribución.
Primeiro a industria, agora os propios distribuidores. O leite francés e portugués entra no mercado estatal a prezos moito máis baixos que o galego e os gandeiros xa non aguantan máis. Así o quixeron poñer de manifesto este xoves en Santiago de Compostela as tres forzas sindicais agrarias no seu conxunto (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores), ademais da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.
Leite francés e portugués
Nun ambiente caldeado pola situación, mais tranquilo nas formas, un cento de manifestantes bloquearon durante case dúas horas a entrada de Mercagalicia, onde se atopa o centro de loxística de supermercados Día. Deste xeito denunciaron as prácticas de dumping que deixan ao seu produto en inferioridade de condicións: "están a vender o leite por debaixo dos prezos dos nosos custes, co que cometen unha ilegalidade fiscal", sinala Xabier Iglesias, secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias (UUAA). Esta conxuntura, que xa era delicada, tórnase infranqueábel logo de que sexan os propios distribuidores, e non a industria, os que merquen no estranxeiro. Así o subliña tamén Carme Freire, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG): "a política das multinacionais da distribución oriéntase cara a quedarse co mercado do leite impoñendo a lei do mais forte, sen que os gobernos lle poñan ningún tipo de límite".
Na mesma liña se manifestou Xoan Pérez Orozco, secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores (XXAA): "non se entende que nun país no que temos que importar un terzo do leite que consumimos, os gandeiros teñamos que vender o noso produto un 50% máis barato que o que nos costa producilo porque se esté importando de fora". Hixinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), puxo máis datos sobre a mesa: "segundo as nosas cifras, as empresas de distribución importan dous millóns diarios de litros de leite envasada que vende moi por baixo dos custes de produción".
Mercado deficitario e importacións
Así as cousas, os representantes sindicais son unánimes en falar de "situación crítica" e mesmo subliñan que "o sector gandeiro está no peor momento da súa historia". Tal é así que nos pasados días moitos produtores víronse na obriga de vender o seu leite a moi baixo prezo "en troques de ter que tiralo", para a súa transformación en leite en po: "vendémolo a 16 céntimos o litro cando unha industria paga na actualidade uns 26 céntimos de media", asegura Mougán.
Estas decisións non se explican se temos en conta que o Estado Español é un mercado deficitario de leite: "non ten sentido que teñamos que desfacernos del como se tiveramos excedentes que houbese que retirar", insiste Mougán, "na actualidade, dos 25 millóns de litros que sen consumen diariamente no Estado, iimpórtanse oito; non se entende que os 17 millóns de litros que se producen aquí non teñan a súa comercialización asegurada a un prezo digno; iso non é máis que o resultado dunha especulación devastadora".
Exixencias aos gobernos e futuro
A concentración quixo, unha vez máis, poñer de manifesto esta difícil situación e chamar a atención aos consumidores para que non merquen en estabelecementos que exercen prácticas como o denunciado dumping. Pero ademais, reivindicaba unha acción inmediata por parte das administracións. Os líderes sindicais aseguraron que hai "moitas frontes abertas para colocar o leite que deixaron de recoller varias empresas leiterias", mais insisten é que a solución é "moi moi complicada".
Pérez Orozco (XXAA) insistiu na necesidade de que o goberno español se sente a falar co francés: "que impidan a entrada de leite de fora a eses prezos", subliña: "no peor momento da nosa historia e o goberno ofrécenos un plan estratéxico do que só se poderían ver resultados a medio ou longo prazo; isto é insultante". Así, todos os líderes sindicais urxen a posta en marcha dun "plan excepcional", xa que do contrario, aseguran, "os gandeiros galegos terán que pechar definitivamente as súas explotacións".