O 3 de abril inaugúrase a mostra, comisariada por Verónica Santos e Rafael Lens, e que reúne aos artistas máis destacados de Galiza na actualidade.
A mostra pretende achegarlle ao público xeral unha foto fixa das artes visuais galegas na actualidade, a través dunha escolma de 25 artistas, se cadra os máis destacados do momento, recoñecidos dentro e fóra do país. A partir deste venres, cando se inaugurará a mostra, poderanse ver no Museo Provincial de Lugo obras de Mónica Alonso, Jorge Barbi, Vicente Blanco, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Fernando Casás, Salvador Cidrás, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Félix Fernández, Francisco Leiro, Din Matamoro, Chelo Matesanz, Tatiana Medal, Antonio Murado, Nano 4814, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Ignacio Pardo, Manolo Paz, Ignacio Pérez-Jofre, Jorge Perianes, Iván Prieto, Rubén Ramos Balsa e Rita Rodríguez.
Trátase dun proxecto expositivo que pretende amosar unha serie de percepcións sobre o panorama da plástica actual en Galiza a través de creadores e obras que abren camiños de tránsito constante ligados á arte galega contemporánea O resultado final é o de amosar diversos rexistros que, sen dúbida, dan lugar a múltiples interrelacións entre os artistas e as obras representadas.
A dirección do Museo Provincial de Lugo presenta as súa primeira iniciativa desligada do equipo anterior e faino repasando os últimos vinte anos da arte galega. Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, salientou que a mostra exemplificaba un dos obxectivos do novo equipo: "primar a calidade sobre a cantidade". Rexistros abertos. Materias, contextos e narrativas na arte galega actual poderáse visitar até o 31 de maio.
En paralelo coa mostra haberá outras actividades, como a mesa redonda que se celebrará o xoves 7 de maio e que titulada Visións abertas: abordaxe á arte galega actual contará coa participación de críticos, galeristas e artistas. Haberá tamén obradoiros a cargo de Artura Vaquero e Iván Prieto, así como visitas guiadas e concertos.