Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
100% LEGAL

O Ministerio de Industria presenta outra campaña contra o software pirata

"Todos con software legal" volve ignorar os termos "Software Libre" e "Linux" e fai unha breve mención ás "Fontes Abertas".

Redacción - 19:10 01/04/2009

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio puxo en marcha este 1 de abril a súa segunda campaña a prol do Software Legal, que enmarca no Plan Avanza 2. O proxecto está impulsado, ademais, por BSA e AETIC, coa colaboración da Asociación de Retallistas e Distribuidores de Tecnoloxías da Información (ADDETI) e do Centro de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas (CENATIC).

A primeira campaña, posta en marcha no ano 2007, considerouse un éxito, pois conseguiu que a pirataría de software descendese tres puntos no Estado Español, igualando os mínimos históricos. Agora, coa intención de reducir aínda máis eses niveis e achegarse á media da Unión Europea, xorde a segunda campaña "de promoción da comercialización do software legal", que custará 250 mil euros. A principal novidade é que se chegará a acordos con empresas distribuidoras e fabricantes para difundir o selo "software 100% legal".

E software libre?
Unha vez máis, o software libre aparece camuflado e nin sequera se menciona explicitamente. De feito, emprégase a pouco habitual denominación "Software de fontes abertas". Tamén parece tabú a palabra "Linux". Na sección dedicada inclúense ligazóns ás consideradas 10 mellores aplicacións libres, que inclúen dende software para todos os sistemas operativos a outros específicos dun determinado escritorio para GNU/Linux.

Tamén hai ligazóns ás cinco principais distribucións [GNU/Linux] segundo Distrowatch e a catro páxinas onde se aloxa código fonte de diversos programas informáticos. Curiosamente, as seccións sobre software libre son as máis vistas da web, enfocada principalmente a promover a adquisición de aplicacións privativas e de grandes multinacionais.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: