Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comunicado de Pilar Rojo

Onde dixen nación digo "denominación errónea"

A presidenta do Parlamento cualifica de "lapsus" a referencia ao "himno nacional" de Galiza que realizou durante a apertura de lexislatura.

Redacción - 17:00 01/04/2009
Pilar Rojo estreouse este 1 de abril como presidenta do Parlamento

Pilar Rojo estreouse este 1 de abril como presidenta do Parlamento

"A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, aclara que a única denominación válida é Himno de Galicia, tal e como recolle a Lei de Símbolos de Galicia". Así se pode ler no comunicado enviado aos medios este mércores desde o Parlamento.

A aclaración chega ao fío da anécdota protagonizada pola presidenta da institución cando recuperou o micrófono logo de dar por pechada a sesión e cando moitos deputados xa se levantaran para marchar, para lembrarlles que quedaba algo "moi importante" e recordar que, como é tradicional, a sesión terminaría despois de cantaren o "himno nacional". Á saída, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, aproveitou para felicitar que Pilar Rojo se referise a Galiza "como nación" e dixo esperar que o acontecido fose "algo máis ca unha anécdota".

Ao fío, a oficina da presidenta remitiu apenas unha hora máis tarde unha nota onde subliña que "corrixe o lapsus cometido esta mañá cando utilizou unha denominación errónea". Ao tempo, Pilar Rojo afirma que lamenta o que considera "un intento do BNG de manipular o equívoco cometido" ao remate da sesión constitutiva da Cámara.

"A Lei 5/1984, do 5 de maio, de Símbolos de Galicia refírese literalmente ao himno de Galicia e tal debe ser a única denominación oficial", sinala, "deste xeito, calquera outra interpretación que poda efectuarse do lapsus da presidenta da Cámara carece de fundamento algún e só busca a confusión e a manipulación interesadas".


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: