A proposta ao Consello Nacional define ese pacto como "a mellor das opcións".
O Consello Nacional do BNG deberá pronunciarse na xuntanza do próximo sábado sobre a proposta artellada este martes pola Executiva en funcións da formación. Cara á inminente cita coas urnas nos comicios para a elección de deputados para o Parlamento Europeo, os nacionalistas salientan a necesidade de loitar por unha participación na Eurocámara que, advirten, "gaña relevancia especial" no actual escenario de crise económica.
Neste contexto, o documento elaborado pola executiva do Bloque subliña a importancia de defender no marco da Unión Europea "os intereses de Galiza como nación" e de xeito especial un modelo social e económico "claramente alternativo" ao desenvolvido nos últimos anos desde Bruxelas. Cara a ese desafío, argumentan que "a mellor das opcións que se presentan ante os nacionalistas galegos para instrumentar a súa participación nos comicios" é o pacto con ERC, EA e Aralar.
"O que hoxe propón a Executiva Nacional non vai en menoscabo do seu compromiso coa plataforma Galeuscat, que ten no redeseñar do Estado español, e non tanto no escenario electoral, a súa verdadeira razón de ser", explican. Deste xeito, insisten desde o BNG en que a colaboración estabelecida con CiU e PNV no contorno do Galeuscat mantén "plena vixencia" e insisten en que o pacto posíbel que se debuxaba con estas formacións "non garantía que o nacionalismo galego fose obter representación", razón pola cal se optou pola alternativa que hai cinco anos se organizou baixo as siglas de Europa dos Pobos.