Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BALONCESTO

Achégase a fase decisiva da Liga Feminina

Celta Indepo e Extrugasa non chegan no seu mellor momento á loita polos postos europeos e pola salvación, respectivamente.

Redacción - 18:00 31/03/2009
Último partido entre Celta e Extrugasa

Último partido entre Celta e Extrugasa

Xa só quedan dúas xornadas da Liga Feminina de baloncesto e os dous equipos galegos non chegan precisamente no seu mellor momento de forma, ademais de xogar contra rivais difíciles. O Extrugasa xogará contra o primeiro e segundo clasificados, mentres que o Celta Indepo farao contra o terceiro e o penúltimo, rival directo do Extrugasa na loita pola salvación.

Extrugasa

As vilagarciás reciben o mércores 8 ao Perfumerias Avenida, segundo clasificado; e visitan o sábado desa mesma semana ao líder, o Ciudad de Ros. Sobre este difícil calendario, o adestrador do equipo Tito Díaz, dixo que "necesitamos polo menos unha vitoria". Díaz abriu unha porta á esperanza cando afirmou que "posibilidades de gañar hai porque ninguén é imbatíbel. Nós teríamos que dar o noso mellor nivel e procurar que elas non teñan o seu mellor día".

O Extrugasa perdeu os seus cinco últimos partidos de liga e ocupa actualmente a antepenúltima posición da táboa, empatadas a vitorias coas dúas últimas clasificadas. Tendo en conta que os dous últimos equipos baixan de división, as vilagarciás terán que facelo ben se queren seguir o vindeiro ano competindo coa elite estatal.

Celta Indepo
O Celta Indepo, pola súa parte, tratará de subir un chanzo na clasificación para entrar nas eliminatorias onde os equipos clasificados entre quinto e oitavo disputarán dúas prazas de competición europea. As viguesas tamén veñen dunha mala xeira, xa que só obtiveron unha vitoria nos últimos sete partidos. O adestrador, Miguel Méndez, dixo que estes malos resultados poden estar debidos a que "estamos adestrando ben pero non conseguimos competir ao mesmo nivel". Sobre a competitividade dos últimos partidos, Méndez dixo que non lle sorprende porque "todo será moi duro para todos".

As viguesas están agora clasificadas na novena posición, a só unha vitoria das oitavas. Este sábado visitan o campo do Zaragoza e a semana seguinte reciben ao Rivas Ecópolis, no que suporá a volta de Tamara Abalde ao campo do equipo no que dou os seus primeiros chimpos.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: