O álbum dobre contas coas colaboracións de Luz Casal, Pedro Guerra e Diana Navarro.
"O Teatro Colón é o Square Garden galego", dixo Bieito Romero na presentación de Ao Vivo, o álbum que Luar na Lubre gravou en directo nese espazo os pasados 23 e 24 de xaneiro. O disco, dobre, sae á venda este martes, e recolle as cancións máis coñecidas gravadas pola formación nos seus 24 anos de historia. O disco inclúe un documental, o concerto completo e un 'bonus track' de Ismael Serrano que interpreta 'El derecho de vivir en paz', de Víctor Jara. O álbum é, para Romero, "unha homenaxe a unha formación que se vive e se goza sobre todo en directo". Proba diso son os máis de 800 concertos en 26 países diferentes.
Os integrantes do grupo están máis que satisfeitos co resultado final: "un sempre é moi crítico co que fai, pero temos un sorriso de satisfacción porque neste disco quedou plasmado fielmente o que somos ao vivo"
A nova xira da formación empezou o 10 de marzo en León e continuará o 4 de abril en San Pedro del Pinatar (Madrid, o 22 de abril en Donostia, o 8 de maio en Águeda (Portugal), o 21 de xuño en Arles (Francia), o 10 de xullo en Valencia, o 11 en Oropesa, o 17 en Cáceres, o 21 en Burgos, e o 24 nas Pontes. Pamplona e Barakaldo serán outros dos destinos de Luar Na Lubre en xullo, pero con data aínda por determinar. Si está confirmado que Luar Na Lubre actuará o 30 de agosto en Ponferrada, o 4 de outubro en Corea do Sur, e o 10 de outubro en Castellón.