Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Ao coñecerse o resultado electoral

Xactanciosa mensaxe do sector piscícola aos ecoloxistas: "Acabóusevos o choio"

Adega acusa a Ramón Álvarez Cascos, representante de Acuinor, de enviarlle o 1 de marzo un SMS "intimidatorio" á presidenta do colectivo en Lugo.

Redacción - 13:45 30/03/2009

"Acabóusevos o choio" ('Se os acabó el chollo', en español na mensaxe orixinal). Así dicía a mensaxe que recibiu no seu teléfono móbil o pasado 1 de marzo a presidenta de Adega-Lugo, Montse Lombardía. Segundo comprobou a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, o envíante de tal SMS, no momento en que se estaba confirmando a maioría absoluta do PPdeG nos comicios, era Ramón Álvarez Cascos, representante legal da empresa Acuinor, con intereses no sector acuícola en Galiza.

Por este motivo Adega presentou no xulgado de instrución de Lugo unha denuncia contra Álvarez Cascos, argumentando "un posíbel delito ou falta de ameazas e coaccións". Os ecoloxistas critican ademais que a frase insinúa que o representante da empresa acuícola parece confiar en que a volta do PP á Xunta será o comezo dunha "nova era" na que Acuinor "presuntamente gozaría de vantaxes administrativas e xudiciais na súa batalla". Hai que lembrar que a propia Montse Lombardía foi unha das activistas denunciadas no seu momento por Acuinor debido á paralización en 2005 das obras da piscifactoría de Rinlo, en Ribadeo, construída pola empresa en plena Rede Natura.

Para os ecoloxistas estaría clara a intención "intimidatoria" da mensaxe, coincidindo ademais co cambio político en Galiza. Recordan desde Adega que a loita aberta polo colectivo conseguiu hai xa tres anos a paralización cautelar das obras daquel proxecto acuícola que Acuinor realizaba no contorno do Lugar de Interese Comunitario da praia d'As Catedrais. A batalla xudicial aberta desde aquela resolveuse sempre en favor da posición dos ambientalistas, desestimando os tribunais as reclamacións de indemnización e os cargos de coacción nos que teimara Acuinor contra Adega.


4,62/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: