Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RENOVACIÓN NO PSDEG-PSOE

Gonzalo Caballero pide que o congreso se faga "en clave galega"

O 'crítico' reprobou a "operación de recambio" deseñada "en 24 horas" por "algúns compañeiros" que "non entenderon a mensaxe das urnas".

Redacción - 13:13 29/03/2009

O ex concelleiro e cabeza visíbel dunha das correntes críticas do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu este domingo que o congreso extraordinario que os socialistas galegos celebrarán en abril se faga "en clave galega" e, deste xeito, rexeitou "pechar en falso" o cónclave cun "guión preescrito". Caballero reprobou a "operación de recambio" deseñada "en 24 horas" por "algúns compañeiros" do PSdeG que, ao seu entender, "non entenderon a mensaxe das urnas". Fronte a isto, considerou que o resultado electoral avaló algunhas das teses que el mesmo defendeu antes dos comicios do 1 de marzo.

"Advertimos de que o cambio non acababa de cumprir as expectativas da cidadanía", recordou, polo que reivindicou a necesidade de facer "un debate" sobre os erros cometidos durante a estancia do PSdeG na Xunta e por iniciar unha "etapa de renovación" no partido. Para iso, recoñeceu non dispoñer de "fórmulas máxicas" pero, á marxe disto, avogou por abrir "unha nova etapa" para poder afrontar o futuro, que, avisou, "non se sabe cal será". "Non sabemos se o PP se vai implantar en Galiza para moitos anos", advertiu.

Respecto da oposición que debe levar a cabo o PSdeG, apostou por que sexa "dura" cando o requira a actualidade pero rexeitou "demonizar" á futura Xunta do PP. Mesmo defendeu apoiar aos populares "en cuestións puntuales", dada a actual situación de crise económica. Sobre a posibilidade de que o conselleiro de Medio Ambiente en funcións, Manuel Vázquez, encabece o proxecto dos socialistas galegos nos próximos anos, apuntou que é "un valor político", aínda que preferiu poñer o "debate de ideas por encima das persoas".


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: