Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA-NORTE DE PORTUGAL

Vilanova de Gaia, preparando a capitalidade cultural do Eixo Atlántico

Durante os tres meses de verán, a vila portuguesa acollerá preto de 200 eventos que profundarán na cultura dos 34 concellos que forman parte da institución.

Redacción - 19:30 27/03/2009
Gaia prepara a súa capitalidade

Gaia prepara a súa capitalidade

Será entre o 4 de xuño e o 30 de agosto. A cidade portuguesa de Vilanova de Gaia exercerá de capital cultural do Eixo Atlántico e será a sede dunha gran cantidade de eventos que se marcan o obxectivo de amosar o patrimonio común e propio das 34 vilas que conforman este organismo. Este venres, Vilagarcía de Arousa acolleu a última xuntanza dos responsábeis culturais de todos os municipios para acordar os detalles dos actos da capitalidade.

Capital da cultura
A inauguración oficial será o propio 4 de xuño, cando se escoitará a música oficial do Eixo Atlántico, a música de Milladoiro e Mafalda Arnauth. A partir dese momento, sucederanse as actividades que abordarán todos os ámbitos do mundo cultural: literatura, audiovisual, banda deseñada, encontros museísticos, arquivísticos, música... O concelleiro de cultura de Vilanova e Gaia e presidente da comisión do Eixo, Mario Dorminsky, insistiu en que o obxectivo deste evento é "que participen os 34 concellos, que amosen o seu patrimonio cultural e que a imaxe das súas cidades estea presente". Con este propósito organizarase "Expocidade", unha feira na que cada municipio exporá as súas potencialidades, "tanto pasadas como presentes e futuras".

Ademais, organizarase un Festival de Jazz, con importantes figuras do panorama mundial; haberá unha Festa da Música, na que se incluíran diferentes estilos; un Festival do Mundo Celta, que contará con actuacións musicais, obradoiros, exposicións, unha feira do libro e do disco ou conferencias sobre música e tradicións celtas; ou un simposio de escultura. Malia que a programación está practicamente pechada, os organizadores agardan que se poida completar até mediados de abril. Nesa data editarase un programa definitivo para dar a coñecer as datas e horas exactas de cada actividade. A maiores, outra novidade será a creación dun "pasaporte cultural" que se poderá adquirir a través de internet e que permitirá ao posuídor obter importantes descontos en todas as actividades.

Máis decisións
A xuntanza da Comisión de Cultura en Vilagarcía deixou outras novidades. Dunha banda acordouse a creación da Bienal de Fotografía, un evento que se sumará á xa existente Bienal de Pintura. Asemade, os representantes municipais adquiriron o compromiso de promover unha publicación que recolla as mellores imaxes de todos os concellos que conforman o Eixo entre os anos 1900 até 1950. Finalmente, decidiron elaborar unha Guía de Recursos Culturais en rede, que permita o coñecemento inmediato da realidade cultural de cada un dos concellos.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: O presidente da Comisión de Cultura do Eixo, Mario Dorminsky, explica en que consistirá a capitalidade cultural