Aproba un texto que rexeita que se poida penalizar os usuarios desconectándoos da internet, pois considera a rede un dereito cidadán.
O Pleno do Parlamento Europeo aprobou un informe que rexeita a posibilidade de que os gobernos corten o acceso á internet como un xeito de impoñer sancións ás persoas usuarias. Esa penalización, xa aprobada por algúns executivos membros da Unión, vai contra o dereito a acceder á rede de toda a cidadanía da UE.
O texto foi aprobado con 481 votos a favor, 25 en contra e 21 abstencións, e especifica que nin os gobernos nin as empresas privadas deben cortar o acceso. Tamén indica que o analfabetismo tecnolóxico será o “analfabetismo do século XXI”, e que garantir o acceso á internet tamén asegura o acceso á escolarización.
Algúns gobernos, como o francés, aprobaron leis que penan coa desconexión os usuarios que infrinxan os dereitos de propiedade intelectual. O texto aprobado polo Europarlamento pídelles aos estados membros que adopten a directiva sobre medidas penais á violación destes dereitos, pero sen que se efectúe “control e vixilancia sistemática” das persoas usuarias.
Tamén fai referencia ao respecto da liberdade de expresión e a loitar contra a incitación á violación dos dereitos de propiedade intelectual “incluídas algunhas restricións de acceso excesivas impostas polos seus propios titulares”.
O texto aprobado polo Parlamento Europeo inclúe, tamén, medidas de protección aos menores na internet, e a que se estabeleza unha estratexia global para loitar contra a ciberdelincuencia e a protección da identidade dixital.