O estudo elaborado por Rand asegura que redes de tráfico de persoas de Madrid están entre os grupos beneficiados polo negocio.
O grupo de investigación estadounidense Rand Corporation atopou "probas substanciais" de que existen ligazóns entre o crime organizado e a pirataría de filmes. Esas conclusións aparecen publicadas no informe Film Piracy, Organized Crime and Terrorism, encargado polos estudios de Hollywood.
O director do Rand Center for Global Risk and Security, Gregory Treverton, explicou a Le Monde que "a pirataría é unha actividade de alto rendemento, con marxes de beneficios superiores ao tráfico de estupefacientes, e con poucos riscos, porque escapa da vixilancia das autoridades".
O documento afirma que o custo de fabricación dun DVD pirata é de 52 céntimos de euro e que se vende a 6,70, o que supón tres veces máis beneficio ca os do tráfico de drogas, ademais de que a tecnoloxía de reprodución dixital é moito máis accesíbel e as penas máis lixeiras. Pola súa banda, a MPE, organismo que representa a industria cinematrográfica dos EUA, calculou en máis de 13,4 mil millóns de euros as perdas que lle supoñen as vendas piratas e as descargas de balde ao sector no mundo.
O informe apunta como estados líderes na pirataría de DVD Bolivia, Brasil, Casaquistán, China, Colombia, Indonesia, Kuwait, Lituania, Malaisia, Paquistán, Romanía, Rusia e Ucraína. Como principais organizacións mafiosas que financian as súas actividades criminais coa pirataría sinalan a Camorra italiana ou grupos de tráfico de persoas de Madrid. Tamén apuntan á británica Compañía de Comercio Lotus, ás tríadas de Hong Kong ou aos grupos Yi Ging e Jah nos Estados Unidos.
Pero o estudo chega máis alá e mesmo atopa conexións co financiamento do terrorismo islámico, a partir da Rede Barakat, que opera no Brasil, Arxentina e Paraguai. Tamén aparece como beneficiado por este negocio o IRA Provisional.
Este estudo xa recibiu críticas pola súa parcialidade e por atopar unha relación directa entre pirataría e terrorismo, como no blog TorrentFreak.