Convida ás persoas que asisten á sala a que fagan unha foto, disfrazados de terroristas, para facer chacota das acusacións recibidas nos últimos meses.
"Como un ataque aos cidadáns de Santiago, unha sala que homenaxea a terroristas convoca aos simpatizantes do Movemento de Liberación Nacional a un acto ilegal de kale borroka coincidindo co 8º aniversario da matanza de Netanya". Así, din os responsábeis da Nasa, podería ser o titular que idearían os partidos políticos e persoas que nos últimos meses veñen atacando a sala. O titular que eles propoñen e un chisco distinto: "Como resposta aos ataques sufridos nos últimos meses a Sala Nasa convoca un acto ridiculista en defensa da liberdade de expresión coincidindo co Dia Mundial do Teatro o venres 27 de marzo ás 18,30h. na Praza do Obradoiro".
Animan a todo o mundo a acudir, para facer unha foto colectiva, e mais dúas fotos individuais (unha normal e outra disfrazados de 'terroristas', con pasamontañas). O obxectivo é dobre, segundo Xesús Ron. Por unha banda, quérese quitar ferro ás delirantes acusacións realizadas polo Partido Popular; por outro lado, quérese salientar a importancia social da Sala Nasa na cultura galega e en particular na cidade de Santiago. "Trátase de facer ver que aquí non estamos só Miguel de Lira e Xesús Ron, que hai moitas persoas que veñen todas as semanas á sala; de feito, imos distribuír un folleto no que xa aparecemos disfrazados unhas vinte persoas, que somos as que traballamos habitualmente".
A Sala quere aproveitar o acto ridiculista, que coincide co Dia Mundial do Teatro, para relanzar a presenza pública da Nasa, para deixar clara a súa función social e a súa importancia: "decatámonos de que nos últimos meses os medios de comunicación publicaron máis noticias sobre as polémicas nas que se nos quixo meter que sobre a propia programación cultural da sala", di Ron.
As fotos serán autografiadas e enviadas ás persoas que os acusaron de apoloxía do terrorismo e de planificar e executar actos de violencia urbana, entre outras cousas, "para que saiban quen somos e para que vexan que non temos nada que ocultar". Os responsábeis da Nasa consideran que que esas acusacións "constitúen un ataque inaceptable non só contra a Sala NASA, contra os seus traballadores, contra os artistas e contra os espectadores, senón contra todo o sector cultural da cidade de Santiago de Compostela e, por extensión, contra a convivencia, a tolerancia e a liberdade de expresión".
A Nasa, en abril
A programación da Sala será, sobre todo, variada en abril, comezando polas Sesións Vibracionais do día 1, e a Ultranoite (2, 3 e 4 de abril), centrada nesta ocasión en Darwin. Pasada a Semana Santa, chega o circo con Jastas Pista? (día 17) e a música: os galego-ucraínos Kibitka (18 e 19), o surf-rock dos americanos Strait Jackets (22), o rock andaluz de Gritando en Silencio (23) e o dos galegos Aphonnic, Twenty Fighters e Pulsar (30). Tamén o teatro da compañía galego-catalá Rúa Aire e o seu Retrete de Dorian Gray (24, 25 e 26).