O gañador da terceira edición do Premio de Teatro Radiofónico do
Diario Cultural foi o eterno perdedor Peter Buckley, o boxeador (con orixe real) ao que
Rubén Ruibal e César Candelas lle crearon un mundo. Ese 'coleccionista de derrotas' derrotou por KO ás outras dúas obras, pois fíxose á vez co premio do público e mais co do xurado. Ruibal (gañador do Premio Español de Literatura Dramática do 2007 e do Álvaro Cunqueiro de 2005 por
Limpeza de Sangue) e o historiador César Candelas (que escribe o blog
+Dylan) coñecéronse no blog Brétemas de Manuel Bragado hai uns meses, discutindo nos comentario ao fío dun post sobre Dylan.
Dylan, autor de
Hurricane, unha rabiosa peza sobre o boxeador Rubin 'Furacán' Carter, uniunos, e comezaron a escribir teatro a catro mans, enviándose engadidos que van construíndo os textos conxuntos. Peter Buckley non é a súa única peza e segundo Ruibal, van seguir escribindo xuntos no futuro.
Peter Buckley é un boxeador inglés, un auténtico perdedor que caeu derrotado en 296 dos 300 combates que disputou. Tan perdedor, que nin sequera é o peor boxeador da historia, recoñecemento que corresponde a Reggie Strickland. Buckley, perdedor entre os perdedores, retirouse en outubro de 2008 cunha vitoria aos puntos. Esa noticia foi o punto de partida da obra, na que o Peter Bucley ficticio ten un peor final.
O premio entregarase nunha gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o próximo 15 de abril, ao tempo que se presenta o libro-cd, editado por Xerais, que incluirá as outras dúas finalistas (
O xou mas gou on de Eva Ferreira e
Servizo de información de Paula Carballeira). O xurado, formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, a actriz Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní, salientou que se trata dunha historia "que emprega pautas do xénero negro, convertendo a o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinemátográfico".