Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÍTICA MUNICIPAL

Unha posíbel moción de censura cobra forza en Silleda

O Partido Socialista só conserva catro dos seis concelleiros acadados nas últimas eleccións municipais, mentres que a oposición suma outros nove edís.

Redacción - 11:45 24/03/2009
Paula Fernández Pena (PSdeG) é a alcaldesa de Silleda

Paula Fernández Pena (PSdeG) é a alcaldesa de Silleda

O ruxerruxe dunha posíbel moción de censura que force á alcaldesa de Silleda, Paula Fernández (PSdeG), a deixar o goberno conta cada vez con máis visos de converterse nunha realidade. Malia que o portavoz popular, Xosé Fernández Vieitez, sempre negou que estivese dando pasos nese sentido, os últimos acontecementos están a abrir a posibilidade dun cambio no executivo local.

Unha historia que ven de atrás
Dunha banda, confirmouse definitivamente o abandono do PSdeG dos dous edís que, extraoficialmente, xa amosaran o seu descontento co seu propio partido escenificando o seu distanciamento en diferentes xuntas de goberno, plenos e demais actos da vida política municipal. Tal e como se agardaba, os concelleiros Xabier Cuíña e Ofelia Rei presentaron nas dependencias locais a súa proposta para abandonar o executivo e integrarse no grupo de non adscritos. Unha vez dado este paso, a situación é a seguinte: dos trece concelleiros dos que dispón o concello de Silleda, o PSdeG queda con catro (nas eleccións de 2007 sumara seis), o Partido Popular conta con outros seis, o BNG con un e, agora, o grupo de non adscritos suma dous. É dicir, Isto depara un goberno en minoría de catro edís e unha oposición que suma outros nove.

Doutra banda, a inestábel política municipal de Silleda aínda deixa lugar para un novo ruxerruxe. O voceiro do Partido Popular, Fernández Vieitez, asegurou nos pasados días que esta saída dos edís socialistas podería non ter sido a última e deixou caer o posíbel abandono do goberno doutro concelleiro, Xerardo Lázara, logo dunha "forte e duradeira presión exercida dende o entorno da alcaldesa". De momento, o propio interesado, que exerce actualmente de concelleiro de medio ambiente e medio rural, nin confirmou nin desmentiu que vaia a tomar ningunha decisión deste tipo. Ao respecto, só circulou un comunicado do goberno municipal que asegura que "de momento non haberá declaracións" nin da alcaldesa, Paula Fernández, nin do edil en cuestión, Xerardo Lázara.

O PP, á expectativa
Mentres, o Partido Popular non move ficha publicamente. Hai un mes, Fernández Vieitez, aseguraba a Vieiros que a súa intención non era a de presentar ningunha moción de censura e que todos os comentarios obedecían ao interese da alcaldesa de luxar a campaña electoral. Con todo, non descartaba "sumar forzas" cos edís que abandonasen o goberno e asegurou que tentaría facelo polo ben de Silleda. Do mesmo xeito, deixou aberta a porta a posíbeis negociacións no futuro cos descontentos do goberno, unha cuestión que agora podería volver a estudarse logo da vitoria dos populares nos comicios galegos. O vindeiro xoves é día de pleno municipal en Silleda, unha data na que, de seguro, comezarán xa a aclararse algunhas posturas.


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: