O tenente de alcalde critica que o voceiro do PP ourensán lle pedise a Feijoo que "non lle preste fondos" á urbe para o PXOM.
Enrique Nóvoa, voceiro do PP no Concello de Ourense
Forte polémica polas declaracións do líder do voceiro municipal do PP en Ourense, Enrique Nóvoa, ao respecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Cidade, nas que este lle solicitou ao próximo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que manteña o actual documento e free a reforma urbanística pretendida polo actual goberno local.
O tenente de alcalde do Concello de Ourense, o nacionalista Alexandre Sánchez Vidal, considera que Nóvoa "declara a guerra" á cidade e denuncia que se lle solicite a unha administración que nin sequera comezou mandato que non preste fondos para a urbe. Recordou o voceiro do BNG ourensán que se trata dun problema creado cando o propio Nóvoa era concelleiro de Urbanismo en Ourense, sendo daquela alcalde Manuel Cabezas. Lembra ademais o líder do Bloque que o PXOM está "anulado por sentenzas xudiciais" e que proximamente o Tribunal Supremo subliñará a súa definitiva supresión.
Ao fío, Sánchez Vidal esíxelle ao voceiro do PP que aclare "quen cambio os planos" do PXOM no seu día para chegase a unha aprobación definitiva "de xeito fraudulento". "Expuxéronse uns planos para os cidadáns e despois aprobáronse outros", acusou o voceiro do Bloque, esixindo que os populares aclaren "quen, cando e por que deu esas ordes". Así, Alexandre Sánchez Vidal definiu a actitude do ex concelleiro de"soberbia, revanchismo e inconsciencia".